Boletín Oficial del Arzobispado de Santiago

Retroceder         Continuar

1. INTERVENCIÓN DO SR. ARCEBISPO NA PRESENTACIÓN
DOS LIBROS LITÚRXICOS EN GALEGO (14- III-2001)

Benquerido D. Xosé, Bispo emérito de Tuy-Vigo
Ilmas. Autoridades
Queridos sacerdotes e relixiosos
Donas e Señores:

É un gran motivo de ledicia para mín participar na presentación dos Libros litúrxicos en lingua galega no nome de tódolos Bispos das Dióceses de Galicia. Todos nós somos conscentes da importancia desa publicación para o desenvolvemento da liturxia na garimosa terra galega.

A liturxia é moito mais ca o que se pensaba hay algún tempo, cando se tiña a idea de que consistía nos ritos e cerimonias que realizaba a Igrexa. En realidade, a liturxia é o exercicio do sacerdocio de Xesucristo. Este exercicio realízase fundamentalmente na Eucaristía.

A Constitución sobre A Sagrada Liturxia, do Concilio Vaticano II, recórdanos que por medio da liturxia, en especial pola celebración do sacrificio eucarístico, exércese entre nós a obra da nosa redención. Isto contribúe a que os fieis expresen na súa vida e manifesten ós demais o misterio de Cristo e a natureza da Igrexa, na súa condición mais xenuina. A Igrexa é ó mesmo tempo humana e divina, visible e dotada de realidades profundas e invisibles, entregada á acción e dada á contemplación, presente no mundo e, sen embargo, peleriña. Neste estado de cousas, o humano está ordenado e subordinado ó divino, o visible ó invisible, a acción á contemplación, e o presente á cidade futura que intentamos acadar» (SC, n° 2).

Cando se sentían aínda os ecos do Concilio Vaticano II, comezaba o proceso de elaboración dos libros sagrados en lingua galega. Eran os tempos do recordado Cardeal D. Fernando Quiroga. El vivirá de preto no Concilio Vaticano II a importancia das linguas vernáculas na liturxia. Foi el o que, ó convoca-lo Concilio Pastoral de Galicia, estableceu as bases para a realización da liturxia en Galego. Iniciábase así unha andadura que chegaría ó seu cumio gracias á colaboración sacrificada e silandeira de tantas persoas, que fixeron posible a celebración da liturxia en lingua galega. Co traballo de tantos, unidos pola súa fe e polo desexo de que a lingua galega servira tamén para falar públicamente con Deus, propiciouse unha fermosa situación, na que o Señor se nos manifesta con palabras humás que resultan familiares, ó tempo que os homes nos diriximos a El coas verbas que saen con naturalidade do noso corazón. Xa de aquela dicía o Concilio Vaticano II, na Constitución sobre a Liturxia, que « Moitas veces o uso da lingua materna pode ser moi útil para o pobo. Por iso, tanto na Misa como na administración dos sacramentos e a celebración de outras partes da Liturxia, podará dárselle mais cabida, especialmente nas lecturas e introduccións, e mais nalgunhas plegarias e cantos, dacordo coas normas establecidas».

Na liña do Concilio Vaticano II, e querendo aplica-las súas orientacións á realidade galega, o Concilio Pastoral da Igrexa en Galicia aprobaba que «tódolos cristiáns, Bispos, Curas e Leigos, segundo a súa específica misión, participaran na promoción da lingua galega, por tratarse don valor humano asociado coa liberación, e, conseguintemente, coa evanxelización». Ademais chegaba a concretar: «Celébrese nas igrexas das cidades polo menos unha Misa en galego cada día festivo». E engadía: «Naquelas bisbarras nas que o galego é a única lingua, teñen que se chegar a facer en galego tódalas celebracións». Ata aquí as orientacións do Concilio Pastoral de Galicia.

A historia dos anos que pasaron desde aquela, fíxonos ve-la morea de dificultades coas que nos atopamos para levar adiante esta teima, aínda que a situación semella ir mellorando, polo ensino na escola e pola divulgación do seu uso nos medios de comunicación social. Os Bispos de Galicia, xunto cos responsables da pastoral diocesana, fumos dando pasos na elaboración dos Planes Pastorais e nas  repetidas orientacións e normas ó respecto, polas que se estimulaba a tódolos diocesáns a celebrala liturxia en galego. Non deixa de ser unha satisfacción ofrecerlle á nosa xente a palabra de Deus envolta no agarimo dunha lingua que chega ó mais fondo do corazón dos galegos.

Non quixera rematar sen deixar constancia dun profundo agradecemento a tódalas persoas que, dun xeito ou do outro, colaboraron a acadar este obxectivo. Sen esquece-los Bispos de Galicia que colaboraron no Concilio Pastoral ou o promoveron dun xeito directo, quero facer mención explícita de Mons. Xermán Alonso, coordenador de todos estes traballos ata o día da súa monte. Para el tiña que ser hoxe un día de ledicia e de esperanza. Non dudamos que, na gloria celestial, o celebrará con sumo gozo.

O meu agradecemento exténdese ademáis ata a Dirección Xeral de Política Lingüística, pola súa axuda para que vira a luz esta publicación, coa cal podemos afirmar que a Liturxia en galego pasou a formar parte da nosa historia, da nosa cultura e da espiritualidade do noso pobo, e ademáis está a incidir cada vez con mais forza na relixiosidade da nosa xente. Temos os instrumentos. Compre agora facer uso deles. Así o desexamos. Moitas gracias.

Julián Barrio Barrio, 
Arzobispo de Santiago de Compostela.