Boletín Oficial del Arzobispado de Santiago

Retroceder        Continuar

Carta pastoral no Día da Igrexa Diocesana.
Novembro 2001.

Queridos Diocesanos:

O Día da Igrexa Diocesana ten que ser un acontecemento "familiar" que nos dea a oportunidade de considera-lo que significa para os fieis cristiáns este don de Deus en Cristo. "Os que fomos incorporados a Cristo polo bautismo, integrámonos no pobo de Deus e, feitos partícipes ó seu modo por esta razón da función sacerdotal, profética e real de Cristo, cada un segundo a súa propia condición, somos chamados a desempeña-la misión que Deus nos encomendou cumprir á Igrexa no mundo" (Cf. CDC 204, 1). Na Igrexa Diocesana descubrímo-la igual dignidade de tódolos bautizados, membros de Cristo e templos do Espírito Santo como nos recorda o apóstolo san Paulo cando nos di: "Glorificade e levade a Deus no voso corpo". A comuñón de bautizados cos seus dons, que coa súa interrelación e fecundidade tecen a unidade, comporta vivir "cun só corazón e unha soa alma" e implica necesariamente a realización da propia vocación ben sexa ó ministerio sacerdotal, á vida consagrada ou á vida laical.

Compromiso pastoral dos laicos

Nesta ocasión refírome ó compromiso dos laicos na vida da Igrexa diocesana. Somos conscientes de que "a misión da Igrexa non consiste so en ofrecer ós homes a mensaxe e a gracia de Cristo, senón tamén en impregnar e perfeccionar co espírito evanxélico a orde das realidades temporais. Por conseguinte, os laicos, cumprindo esta misión da Igrexa, exercen o seu apostolado tanto na Igrexa como no mundo, tanto na orde espiritual como na temporal; estas ordes, malia distintas, están de tal xeito unidas no plan divino, que Deus mesmo busca, en Cristo, reasumi-lo mundo enteiro nunha nova creación, incoativamente aquí na terra, plenamente no último día. Námbalas dúas ordes, a do laico, que é ó mesmo tempo fiel e cidadán, debe guiarse sempre por unha única conciencia cristiá" (AA 5). Os laicos cristiáns, como ensina o Concilio Vaticano II, deben cultivar, sen cesar, a conciencia de pertencer á diocese, sempre dispostos a aporta-la súa contribución os proxectos diocesanos, seguindo a invitación do seu pastor.

Para vivi-la fe

Na clave desta doutrina conciliar interpretámo-lo lema que nos presenta este ano o Día da Igrexa Diocesana: "Para vivi-la Fe. Participa na Igrexa e colabora ó seu sostemento económico". A fe conleva aceptar ó Deus revelado en Cristo e asumi-lo seu proxecto sobre a humanidade, un proxecto que temos que facer realidade no noso contexto histórico. Neste sentido, a verdadeira fe implica un amor profundo a cada persoa, un amor operativo que nos fai evanxelizadores e promotores dunha auténtica solidariedade humana. Tódolos diocesanos, de diferentes formas, estamos chamados a participar na misión da Igrexa, e a colaborar no seu sostemento económico para que as actividades educativas, sociais, culturais e asistenciais que a Igrexa diocesana está realizando poidan seguir sendo unha realidade, e todos somos responsables nesa preocupación de traballar pastoralmente e colaborar economicamente a favor das necesidades dos demais.

Canles de axuda económica á Igrexa

Moito se ten falado e escrito nestes días sobre os recursos económicos da Igrexa. Neste sentido hai que lembrar que a axuda económica que se lle confía á Igrexa está destinada ó culto, ó sostemento do clero, as actividades caritativas, á catequese e os fins expresados nas fundacións que os fieis fan. É preciso insistir, unha vez máis, en que o conxunto de recursos económicos da Igrexa, administrados concienzudamente con transparencia e responsabilidade, nunca se orientan ó enriquecemento persoal, senón que coa súa administración se busca garanti-lo cumprimento dos obxectivos que os propios fieis determinan nas súa donacións.

Os donativos, a cota periódica (mensual, trimestral ou anual) e as colectas son a base fundamental do sostemento da Igrexa e as canles a través das que podemos canaliza-la nosa aportación económica. Sei que as necesidades económicas da Arquidiocese non son poucas, pois son moitas as persoas as que hai que atender nas súas diferentes pobrezas. Teño tamén constancia da vosa xenerosidade, recoñecendo que "é un deber e unha honra para os cristiáns devolver a Deus parte dos bens que del reciben". Colaborade na medida das vosas posibilidades, sabendo que o sostemento da Igrexa depende de nós.

Saúdavos con afecto e bendice no Señor,

> Julián Barrio Barrio

Arcebispo de Santiago de Compostela