Boletín Oficial del Arzobispado de Santiago

Retroceder        Continuar

Carta Pastoral na celebración do Nadal 2001

Contemplamo-la súa Gloria (Jn 1,14)

Queridos diocesanos:

O tempo litúrxico do Advento prepáranos ascéticamente, en gozosa espera da chegada do Señor, a celebra-lo misterio do Nadal. Sempre esperamos algo. Cada época es pera unha «visita de Deus». Así o manifestamos na oración litúrxica que di: «Concédelles, Señor, ós que vivimos oprimidos pola antiga escravitude do pecado ser liberados polo novo e esperado nacemento do teu Fillo» (Feira 3a da III Semana de Advento).

Nadal e Misterio Pascual

Certamente a Igrexa na súa liturxia celebra un só misterio, o misterio pascual no que se reflicten os grandes misterios da nosa salvación. Nesta conciencia o Nadal ponnos en contacto coas primicias do misterio pascual, pois Cristo comezou a merecer por nós desde o primeiro momento da súa existencia humana, pois «mediante o misterio da Encarnación o Fillo de Deus uniuse en certo modo a todo home» (GS 22). Prepáranos a coñecer mellor a Pascua ó mostramos no Redentor ó propio Fillo de Deus feito home. Tamén pon ó noso alcance o modelo transcendente da nosa filiación sobrenatural, pregoándoo así a liturxia:

«Hoxe brilla para nós o día da redención nova, longo tempo preparada, o día da felicidade eterna». A creación, a encarnación e maila redención son anelos dunha mesma cadea que indica e leva consigo a participación crecente do home na vida, é dicir na gloria de Deus.

Camiñar desde Cristo

Cristo asumiu a nosa natureza para reconciliala co seu Creador. «É o home novo que chama a participar da súa vida divina á humanidade redimida. No misterio da Encarnación están as bases para unha antropoloxía que é capaz de ir máis alá dos seus propios límites e contradiccións, movéndose cara a Deus mesmo; máis aínda, cara á meta da divinización a través da incorporación a Cristo do home redimido, admitido á intimidade da vida trinitaria» (NMI 23). Na celebración do Nadal maniféstase o ser de Deus como misericordia e benevolencia para cos homes: «Estando nós mortos polos pecados, fíxonos vivir con Cristo» (Ef 2,5). É unha chamada a recoñece-la dignidade humana. «Se verdadeiramente Deus se fixo home, ser home é a cousa máis grande que se pode ser». A certeza de que o Fillo de Deus se uniu en certo modo a cada home comprométenos a camiñar desde Él, sendo testemuño do amor de Deus entre os homes coas nosas palabras e obras.

O compromiso cristián do Nadal

No medio do prestixio banal do negativo, do intranscendente e do superficial, o Nadal é un bo momento para percibi-la proximidade e o amor de Deus, e facemos próximos e solidarios ós demais nun compartir fraterno. Non camuflemos este acontecemento con adornos que distraen profundamente a nosa atención. Contemplemos debidamente ó Fillo de Deus feito home se queremos descubri-lo auténtico rostro do home, pois El «manifesta o home 6 propio home» (GS 22). Ningunha outra mensaxe ó servicio de intereses económicos debe escurece-la gran noticia que nos fai coñecedores da nosa salvación. Vivimos mergullados nun ambiente secularizado, alleo é Revelación e neste con texto algúns consideran a salvación do home como unha consecuencia dun proceso evolutivo, identificándoa co progreso humano alleo á mensaxe cristiá. Outros propugnan a tendencia a separa-la salvación da realidade do mundo moderno, atribuíndolles grande importancia ás formas externas da relixiosidade e ás pequenas tradicións humanas que nada teñen que ver coa tradición viva e perenne da Igrexa, buscando no fondo a propia xustiza que deriva da observancia da lei como falso sentimento de seguridade ante Deus e de superioridade fronte ós demais. Doutra banda, hai quen considera que é o noso poder e prestixio o que fai realidade o Reino de Deus entre nós, pensando que existe unha relación directa entre a nosa acción e a salvación de Deus. A mensaxe revelada é clarividente: «Vivide pois segundo Cristo Xesús, o Señor, tal como o recibistes, enraizados e edificados nel; apoiados na fe tal como se vos ensinou, rebordando en acción de gracias. Mirade que ninguén vos escravice mediante a va falacia dunha filosofía, fundada en tradicións humanas, segundo elementos do mundo e non segundo Cristo» (Col 2,6-8).

A nosa resposta

A resposta ó amor de Deus, manifestado en Cristo, é a gratitude. Xaxúns de pensamentos vans, de palabras hostís e de obras contrarias á lei eterna, non existe un xeito mellor de expresa-la propia gratitude cara a Deus que imitalo: «Sede pois imitado res de Deus, como fillos queridos e vivide no amor» (Ef 5, 1). Cando nos estamos decatando da fraxilidade da nosa paz e condenamos absolutamente aqueles actos que causan dunha ou doutra maneira a perda de tantas vidas inocentes, fagamos nosa a mensaxe dos anxos: «Gloria a Deus no ceo e na terra paz ós homes que ama o Señor». Traballemos para que de Oriente a Occidente a linguaxe da nosa convivencia sexa a da paz e non a da guerra, erradicando todo fanatismo e toda violencia e favorecendo a paz que é froito da xustiza, da solidariedade e dun corazón limpo e sincero. Son moitas as persoas que padecen condicións inhumanas de pobreza material ou espiritual. Cómo non termos presentes ás que se encontran nos campos de refuxiados, sen referirnos a outras situacións. Canalicémo-la nosa axuda económica a través de Cáritas diocesana.

Coa Igrexa celebrémo-lo nacemento de Cristo, orando: «Oh Deus que de modo admirable creáche-lo home á túa imaxe e semellanza e dun modo máis admirable aínda restablecíche-la súa dignidade por Xesucristo; concédenos comparti-la vida divina daquel que hoxe se dignou compartir co home a condición humana» (Oración da Misa do día do Nadal).

¡Feliz e santo Nadal! Saúdavos con todo afecto e bendícevos no Señor,

> Julián Barrio Barrio

Arcebispo de Santiago de Compostela