Boletin Oficial del Arzobispado de Santiago

Retroceder        Continuar

Carta Pastoral no Día do Apostolado Secular e da Acción Católica. Pentecostés 2001

A festa de Pentecostés é un dos días grandes na memoria e na liturxia da Igrexa. Coa luz e a forza do Espírito Santo, o apóstolo Pedro proclamou solemnemente ese día en Xerusalén, a verdade sobre o misterio de Cristo: "Saiba con certeza toda a casa de Israel que Deus fixo Señor e Cristo a este Xesús, a quen vos crucificastes" (Feit 2,36). A reacción dos oíntes foi inmediata: "¿Qué temos que facer, irmáns?". E de seguida recibiron o Bautismo. Co don do Espírito Santo comezaron a vivir en comunidade, rezar xuntos e celebrar a Eucaristía. Deste xeito comezou a manifestarse a Igrexa como misterio de comuñón misioneira", convidándonos a respirar o "vento impetuoso do Evanxeo".

O Laicado na Igrexa

Por eso Pentecostés é tamén o Día do Apostolado Secular e da Acción Católica. Un día para agradecer e valorar a vocación eclesial dos leigos, e para tomar conciencia cada vez máis clara "non só de pertencer á Igrexa senón de ser Igrexa"(ChL 16). Este ano a xornada ten como lema "CRISTIÁNS LEIGOS, IGREXA NO MUNDO", indicándonos que o mundo é lugar por excelencia no que os leigos han de desenrolar a súa misión evanxelizadora, sendo testemuñas, profetas e misioneiros. Esta tarefa tense que levar a cabo nos distintos ámbitos da vida social: o traballo, a política, a economía, a cultura, os medios de comunicación, a familia, a educación e en todas aquelas situacións onde é necesario promocionar e defender a dignidade e os dereitos da persoa, e responder ás esixencias de liberdade, paz e xustiza.

Quero destacar o peso específico do leigado nunha Igrexa toda ela enviada ó mundo: "O carácter secular é propio e peculiar dos leigos ós que corresponde, por propia vocación, buscar o Reino de Deus xestionando os asuntos temporais e ordenándoos segundo Deus" (LG 24). Comunicar o Evanxeo, dar razón dél e dialogar sobre él na cultura de hoxe non é tarefa fácil. É importante que sexan os leigos quenes leven ás comunidades cristiás e á Igrexa particular propia as ilusións, gozos, esperanzas e preocupacións das xentes. Este camiño de ida a volta é unha das características da existencia cristiana laical. Trátase o fin e o cabo de vivir no mundo con responsabilidade cristiana, enriquecendo dende aí a vida da Igrexa. "Os fieis leigos non deben pois circunscribir a súa acción ó ámbito da comunidade cristiana, permanecendo, por así decilo, entre as paredes do templo -manifestaba o Papa Xoán Paulo II ó Arcebispo de Palermo-. Despois de atopar luz na Palabra e forza nos Sacramentos, deben anunciar e testemuñar a Cristo na sociedade da que forman parte. Se é verdade que todo membro da Igrexa participa da dimensión secular, os leigos participan por unha modalidade de actuación que, segundo o Concilio, é propia e peculiar deles. Dita modalidade queda definida coa expresión índole singular, coma o lugar no que lles é dirixida a chamada de Deus".

Promover a Acción Católica

Anque cada persoa bautizada forma parte individualmente da misión evanxelizadora da Igrexa e a súa tarefa apostólica personal é totalmente necesaria e insustituible, as diversas formas de apostolado asociado constitúen unha expresión e unha testemuña de primeiro orde da experiencia comunitaria da fe e da súa dimensión evanxelizadora. "A acción católica nas súas diversas realizacións, ten a vocación de manifestar a forma habitual apostólica dos leigos da Diócese, coma organismo que articula ós leigos de forma estable e asociada no dinamismo da pastoral diocesana" (CLM 55). Son diferentes as instancias a través das que recibimos a invitación a promover a Acción Católlica como "unha singular forma de ministerialidade eclesial", na Diócese. Esta razón subxace no terceiro obxectivo do noso Plan Pastoral Diocesano 2000-2003; "Formación e Apostolado Laical", sinalando coma liña de opción para camiñar cara a ese obxectivo o "promover o Apostolado Laical asociado, dando prioridade á Acción Católica". Os leigos han de ser conscientes do seu papel e ministerio na Igrexa para non correr o risco de seren considerados só como man de obra. O método de Revisión de Vida,utilizado pola Acción Católica, é un insrumento válido para axudar a ver a vida enteira á luz da fe e impulsar a acción evanxelizadora.

Chamada á santidade

Os movementos de Apostolado Laical terán que ser escola de espiritualidade onde se tome moi en serio a chamada á santidade vivida no traballo e no exercicio das responsabilidades sociais; escola e canle de compromiso evanxelizador que propicia a conversión das persoas e a transformación da sociedade. "Non dubido en decir que a perspecriva na que debe situarse o camiño pastoral é a santidade. Preguntar a un catecúmeno: ¿Queres recibir o Bautismo? Significa ó mesmo tempo preguntarlle: ¿Queres ser santo?. Significa poñelo no camiño do Sermón da Montaña: "Sede perfectos como é perfecto o voso Pai celestial" (NMI 30-31).

Saúdavos con afecto e bendice no Señor,

> Julián Barrio Barrio

Arcebispo de Santiago de Compostela