Boletín Oficial del Arzobispado de Santiago

Retroceder        Continuar

PROVINCIA ECLESIÁSTICA
COMPOSTELANA

XORNADA INTERDIOCESANA DE ENSINANZA
RELIXIOSA ESCOLAR

Carta Pastoral dos Bispos da Provincia

Xuño 2001

Unha vez máis os Bispos de Galicia dirixímonos a todos vos, benqueridos diocesanos, para facervos partícipes da nosa preocupación no que atinxe á ensinanza relixiosa escolar e, dun xeito especial, lembrar a pais, mestres e alumnos, tanto nenos coma mozos, a importancia da educación relixiosa.

Vivimos nunha sociedade onde cada vez faise máis consciente, por parte de todos, a importancia de proporcionar ós nosos mozos unha auténtica educación.

É esta unha responsabilidade que debedes asumir en primeiro lugar, vos, os pais. A familia é, sen dúbida, o lugar máis propicio para que nenos e mozos adquiran uns valores e un sentido da vida que sirva de base e fundamento para todo o desenvolvemento humano e relixioso da súa personalidade.

Tamén a escola xoga un papel decisivo en orde a acadar esa educación. Pero a escola non pode limitarse soamente a desenvolver capacidades intelectuais e mesmo técnicas. A súa finalidade máis profunda é formar persoas en tódalas dimensións da vida, tamén na relixiosa. Só así poderán os mozos adquirí-los coñecementos, as capacidades, as actitudes e valores indispensables para levar unha vida activa e beneficiosa na sociedade do futuro.

A Igrexa faise presente no sistema educativo cunha actitude de servicio. A ensinanza da Relixión Católica pretende dar a coñece-la persoa de Xesús coa convicción profunda de que só El pode ser proclamado como Salvador do mundo, presenta-la súa mensaxe como luz e sentido para a vida e ofrece-los valores moráis do evanxeo que axuden a vivir en medio do mundo a paz, a xustiza, o perdón e a reconciliación para acadar unha sociedade máis xusta, máis humana e máis fraterna.

Estamos inmersos nunha sociedade onde o relixioso é, a cotío, criticado, rexeitado mesmo esquecido. Esto está a traer graves consecuencias para a educación ética e moral da mocidade.

Por iso hoxe facemos unha chamada especial a vos, pais de familia, para que poñades todo o empeño na educación cristiá dos vosos fillos. Como pais crentes preocupádevos por educalos no contexto da familia e mandádeos a catequese parroquial. Tamén cómpre que vos preocupedes de que reciban ensinanza da Relixión Católica nos Centros Educativos.

Suporía unha contradicción pedir, na parroquia, os sacramentos para os vosos fillos e non preocuparse de que reciban Formación Relixiosa nos colexios. A educación relixiosa dos vosos fillos é a mellor herdanza que podedes deixarlles para o futuro da súa vida.

Nestes días en que tendes que face-la matrícula dos vosos fillos, pedímosvos que non permanezades indiferentes diante do dereito e a obriga da Ensinanza Relixiosa Escolar e vos manteñades fumes na decisión de pedir para os vosos fillos unha axeitada formación relixiosa sen deixarse confundir por razóns de pretendida modernidade.

Agradecemos a colaboración de todos aqueles que, co seu esforzo e dedicación, están a cooperar por acadar unha mellor formación humana e relixiosa dos nenos e mozos.

Saúdanvos con afecto e vos bendicen no Señor

? Xulián Barrio. Arcebispo dc Santiago. ?Xosé Gómez Bispo de Lugo. ? Xosé Gea. Bispo de Mondoñedo-Ferrol; ? Xosé Diéguez. Bispo de Tui-Vigo. ? Carlos Osoro. Bispo de Ourense. ? Xosé Cerviño. Bispo emérito de Tui-Vigo. ? Luis Quinteiro. Bispo Vicario Xeral de Santiago.