|
Carta Pastoral na festa da Virxe do Carme.
Xullo 2001
Benqueridos diocesáns:
A festa da Virxe do Carme dame a oportunidade de dirixirme a vos a través desta carta pastoral para compartir a vosa alegría coa mesma intensidade ou máis, se cabe, que anos anteriores. Únome á vosa oración por tódolos que perderon a súa vida nos traballos do mar, relembrando as víctimas dos últimos naufraxios do Arousa en augas de Irlanda, do Hansa fronte a Escocia e do Buraz a nove millas da illa de Sálvora.
A Virxe do Carme é unha das advocacións máis queridas e extendidas na nosa Diócese, non só nas parroquias do noso amplo litoral senón tamén nas do interior. Ó dirixirnos á Virxe baixo esta advocación resoan coma un eco as angustias e as esperanzas das xentes do mar. É a vosa festa por excelencia.
"Ti tamén contas"
O lema deste ano "Ti tamén contas", fixado nas xornadas do Apostolado do Mar en Tenerife, lévame a transmitirvos esta sinxela reflexión, lembrándovos a cercanía de Xesús cos traballadores do mar. El elixiu a Pedro e Andrés que eran pescadores, para que foran os seus primeiros discípulos e distinguiunos coa mellor das amistades: "Andando Xesús pola ribeira do mar de Galilea viu dous irmáns, Simón que é chamado Pedro e Andrés, seu irmán, que botaban a rede no mar, e díxolles: Vinde comigo e farei que vos sexades pescadores de homes" (Mt 4,19). Tamén chamou a Santiago do Zebedeo e Xoán, seu irmán, que estaban nun barco con Zebedeo, seu pai, remendando as súas redes.
Non lle foron alleas a Xesús as inquedanzas dos pescadores. Ante un mar desencadeado que segue atemorizando ós homes, Xesús manifestou a potencia divina que triunfa dos elementos, apaciguándoos coa sua palabra (Mc 4,39) e camiñou cara os seus discípulos sobor das augas do mar de Galilea, véndoos remar con fatiga (Mc 6,49). Noutra ocasión presentoulles a misión apostólica a semellanza do traballo manual dos pescadores comentando ós que lle seguían: "O Reino dos ceos é semellante a unha rede que, botada no mar, atrapa todo xénero de peixes; cando está chea, sácana á ribeira e, sentados alí, escollen os bós e métenos en cestas; os malos tíranos fora" (Mt 13,47-48). Dende a cruz, cando nos entregou a súa Nai como Nai nosa, encomendou o seu coidado á Xoán, irmán de Santiago. E como si esa actitude resoara forte no voso corazón sentides profundamente a María como Nai e distinguídela como Padroeira vosa, baixo esa advocación tan entrañable da Virxe do Carme, mentras peregrinades coma fillos da Igrexa que sae tamén ó voso encontro nos momentos de bonanza e cando os ventos non son favorables no compromiso cristián da vosa vida.
Pesares das vosas tarefas
Hoxe a sociedade recoñece e admira a dignidade do voso traballo. Sensible ás vosas preocupacións e zozobras, esixe do Estado e de tódalas institucións que influen nas condicións da vida e traballo do voso sector, que se adopten medidas de carácter administrativo e incluso modificacións legais que conleven unha maior seguridade nas tarefas do mar e unha máis equitativa distribución das ganancias, e que vos posibiliten contar con vacacións adecuadas para estar coa familia, convivir coa sociedade e participar na comunidade eclesial. Non se pode ter a conciencia tranquila cando non se fa¡ o que humanamente é posible. Lin con complacencia que algún Patrón de pesca reclamaba traxes térmicos e buques de apoio para os que pescaban no Gran Sol como ten a flota boniteira. Neste sentido, é oportuno considerar os servicios que o "Esperanza del Mar" que é como un hospital flotante, prestou ás tripulacións que faenan por Canarias e por Africa. Por outra banda, as Institucións Públicas non han de aforrar esforzo algún para chegar a un acordo de pesca entre a Unión Europea e Marrocos, e se non fora posible logralo en xustas condicións, tratar de paliar os efectos negativos e buscar alternativas ós tres mil mariñeiros galegos que poderían quedar sen traballo de forma definitiva.
Exhortación
Felicítovos e desexo que a devoción a Virxe do Carme se arraigue cada vez máis nas vosas familias. A expresión "mar de fondo", que tanto significa para vos, e que tan ben sabedes empregar, axúdame para decirvos que o amor e a devoción á Virxe teñen que ser profundos e non superficiais. Na recente mensaxe do Papa Xoan Paulo 11 á Orde do Carmelo con motivo do 750 aniversario da entrega do Escapulario, aludindo á arraizada e predilecta devoción á Virxe nos carmelitas, termina con este testemuño: "¡Eu tamén levo sobre o corazón, dende fa¡ moito tempo, o escapulario do Carme! Polo amor que sinto á común Nai celestial, cuia protección continuamente experimento, fago votos porque este Ano Mariano axude a tódolos fieis, que filialmente a veneran, a medrar no seu amor e irradiar como Nai de misericordia, Nai da esperanza e da gracia".
Que a Estrela dos mares nos volva a súa mirada misericordiosa, nos dea a clemencia do seu consolo nos nosos pesares e nos marque o rumbo baixo a súa protección para entrar, pasando polo mar proceloso da nosa vida, no Bó Porto.
Saúdavos con afecto e bendice no Señor,

>
Julián Barrio barrio
Arcebispo
de Santiago de Compostela |
|