|
Carta Pastoral no Día do Papa.
Xullo 2001
Este domingo, día 1° de xullo, encomendamos de maneira especial as intencións do Papa, Vicario de Cristo e sucesor de Pedro, que é para toda a Igrexa punto de referencia xa que "el foi enviado como pastor de tódolos fieis para procurar o ben común da Igrexa universal e o ben de cada Igrexa"(ChD 2).
Ministerio do Papa
Ista misión do Papa na Igrexa queda esclarecida por estas palabras de Xesús: "E eu dígoche a ti que ti es Pedro e sobre esta pedra edificarei a miña Igrexa e as portas do inferno non prevalecerán contra ela" (Mt 16,18). Este convencimento motívanos a celebrar con xusta devoción esta xornada de maneira que se honre a persoa do Romano Pontífice quen "en virtude da súa función de Vicario de Cristo e Pastor de toda a Igrexa, ten a potestade plena, suprema e universal" (LG 22).O Evanxeo dinos que Cristo, Fundador da Igrexa para levar a todos a salvación, despois de facerlle a Pedro un examen de amor, especifícalle o ministerio pastoral a realizar: "Por terceira vez lle dixo: Simón, fillo de Xoan, "ámasme? E díxolle, ti sábelo todo, ti sabes que te amo. Díxolle Xesús: Apacenta as miñas ovellas" (Jn 21,17). Encoméndalle a solicitude de tódolos pastores e a custodia das ovellas confiadas, advertíndolle: "Simón. Simón, Satanás vos reclamou para vos peneirar coma o trigo! Pero eu roguei por ti para que a túa fe non falle, e ti, ó que te arrepintas, debes confirma-los teus irmáns" (Lc 22,31). O Papa, sucesor de Pedro, continúa apacentando fielmente a grei, iluminando o compromiso cristián coas súas exhortacións e non parando de rezar por nós para que ningunha tentación nos venza. O ministerio de Pedro é unha referencia precisa no noso diálogo coas demáis confesións cristianas, e fa¡ que os esforzos das distintas Dióceses non queden illados e sometidos ás presións económicas, políticas e sociais. Inmersos no misterio da Igrexa peregrinante, temos que sentirnos sincera e filialmente en profunda comuñón co Vicario de Cristo, participando na vida eclesial dende a nosa condición concreta, pois como dí Santo Agostiño: "Cada un posúe o Espírito Santo na medida en que ama á Igrexa de Cristo".
A acción caritativa da Igrexa en Roma
Ó terminar o Ano Santo o papa manifestaba a súa vontade de enviar diñeiro ofrecido durante a celebración deste acontecemento, saldados os gastos habidos, ós paises necesitados. Esta noticia facíame recordar a caridade e a benevolencia da Igrexa romana que xa o Bispo de Corinto, Dionisio, subliñaba na mitade do século II cando escribía a esta Igrexa nestes términos: "Dende o principio é vosa costume beneficiar de diferentes modos a tódolos irmáns, de enviar axudas ás moitas Igrexas nas diferentes cidades. Desta forma quitáde-la indixencia dos necesitados ... E Sotero, o voso digno bispo, non só conservou esta costume senón que a desenrolou, sexa socorrendo con magnanimidade ós santos nas Búas necesidades, sexa consolando con santas palabras ós irmáns que veñen a el, como fa¡ un pai amoroso cos seus fallos". Esta carta descríbenos algúns dos rasgos que configuran o ministerio pastoral do sucesor de Pedro. Con este convencemento habemos de ofrecer tamén ó Papa a nosa colaboración económica para que poida dispensar a axuda necesaria ós membros da Igrexa máis necesitados. O óbolo de San Pedro é o froito da caridade dos fillos da Igrexa, sendo esta a principal fonte de aportacións económicas para a Santa Sé. Un diñeiro vido de tódas partes acudirá tamén a todas partes como a acción universal da Igrexa. Esta conciencia ha de acrecentar a nosa xenerosidade.
Exhortación final
Ó manifestar ó Papa, que nos preside na caridade, a nosa gratitude polo seu Maxisterio, contemplémolo coma o sucesor de Pedro, posto por Cristo para confirmar ós seus irmáns na fe. En fonda comuñón, lonxe de fríos racionalismos, unámonos á intención da Igrexa que ora así polo Vicario de Cristo: "Ouh Deus, que para suceder ó apóstolo San Pedro elexiches o teu servo pastor de toda a túa grei, escoita a pregaria do teu pobo e fa¡ que o noso papa, vicario de Cristo na terra, confirme na fe a tódolos irmáns, e que toda a Igrexa se manteña en comuñón con el polo vínculo da unidade, do amor e da paz, para que todos encontren en ti, Pastor dos homes, a verdade e a vida eterna".
Saúdavos con afecto e bendice no Señor,

>
Julián Barrio barrio
Arcebispo
de Santiago de Compostela |
|