Boletín Oficial del Arzobispado de Santiago

Retroceder        Continuar

Carta pastoral no Día da Igrexa Diocesana.
Novembro 2002.

"A Igrexa con todos e entre todos"

Queridos diocesanos:

Chamo novamente ás portas da vosa atención e a xenerosidade do voso corazón no Día da Igrexa Diocesana. É unha oportunidade propicia para facer unha reflexión sinxela sobre o que significa eclesial e pastoralmente a Diocese que nos acolleu e na que imos crecendo no noso compromiso cristián. Coñecela mellor axudaranos a amala máis e a identifícarnos cos seus proxectos, inquietudes e esperanzas desde a vocación á que coma cristiáns fomos chamados.

A Igrexa, casa de comuñón

"Facer da Igrexa a casa e a escola de comuñón: este é o gran desafío que temos diante de nós no milenio que comeza, se queremos ser fieis ó designio de Deus e responder tamén ás profundas esperanzas do mundo" (NMI 43). Neste horizonte contemplámo-la Igrexa con todos e entre todos, dado que "a Igrexa está presente xa aquí na terra, formado por homes, é dicir por membros da cidade terrestre que foron chamados a formar xa, na historia da humanidade, as familias dos fillos de Deus que ten que aumentar sen cesar ata a vinda do Señor" (GS 40). Está ó carón de cada un de nós, podemos contar con ela e formámola entre todos realizando a misión que a cada un de nós se nos encomendou. As comunidades parroquiais e diocesanas, as organizacións e asociacións formadas por cristiáns comprometidos na actividade evanxelizadora, educativa, cultural e social, os membros da Vida Consagrada e os sacerdotes que realizan o seu ministerio pastoral ó servicio de todos, son a Igrexa que peregrina neste mundo. Neste senso temos que apoiarnos espiritualmente, sendo exemplo da vida cristiá os uns para os outros, e de axudarnos mutuamente nas necesidades económicas.

A nosa colaboración económica

A nosa Igrexa diocesana conta tamén con tódolos diocesanos e coas persoas de boa vontade que non compartindo a mesma fe, son sensibles a súa tarefa humanizadora. Entre todos temos que soster economicamente á Diocese. Aparte das actividades que vimos realizando no campo da evanxelización, da educación do caritativo-social, temos a urxencia de construír na actualidade cinco templos novos: dous na Coruña, un en Arteixo, un no Milladoiro (Santiago) e outro en Monteporreiro (Pontevedra). Outras obras comezadas haberá que levalas a cabo. En todo caso, sempre será máis viable alcanzar estas metas coa colaboración de todos.

É oportuno lembrar unha vez máis que o conxunto de recursos económicos da Igrexa, administrados concienciudamente con transparencia e responsabilidade, nunca se orientan ó enriquecemento persoal, senón que coa súa administración búscase garanti-lo cumprimento dos obxectivos que os propios fieis determinan nas súas doazóns.

Os donativos, a cota periódica (mensual, trimestral ou anual), e as colectas son a base fundamental do sostemento da Igrexa e os canles a través dos que podemos canaliza-la aportación económica. A nosa Igrexa diocesana sinte o deber de saír ó encontro das persoas ás que hai que atender nas súas diferentes pobrezas, espirituais e materiais. Sei da vosa comprensión e xenerosidade. Recórdovos qué o que podemos dar e non o damos, dalgún xeito perdémolo. Por iso pídovos que colaboredes na medida das vosas posibilidades, sabendo que o sostemento da Igrexa depende de nós.

Saúdavos con afecto e bendícevos no Señor,

VJulián Barrio Barrio

Arcebispo de Santiago de Compostela