Boletín Oficial del Arzobispado de Santiago

Retroceder        Continuar

VICARIA GENERAL

1. PETICIÓN DE DATAS PARA A
CELEBRACIÓN DA CONFIRMACIÓN

1.1. Prégase ós Sres. Curas Párrocos, Administradores Parroquiais e outros Sacerdotes responsables de comunidades pastorais, que teñan determinado celebra-la administración do sacramento da Confirmación perante o curso actual nas parroquias ou ben noutros centros encomendados á súa atención pastoral, procedan a face-la comunicación por escrito ó Sr. Vicario Territorial ou á Vicaría Xeral, sinalando as datas e as horas máis axeitadas, así como o ministro que xulguen preferente, de cara a integrar estes datos na programación xeral.

Esta comunicación cómpre que se faga, a ser posible, antes do día 15 de febreiro do vindeiro ano 2003.
Nembargantes, suposta neste intre a preparación axeitada de algúns grupos de confirmandos (a tenor do disposto no Directorio Diocesano de pastoral da Confirmación do ano 1987 e no Directorio dos Sacramentos da Iniciación Cristiá do ano 1997), os sacerdotes responsables deses grupos poden solicitar xa para datas cercanas a administración da Confirmación.
Convén que os Srs. Curas pidan coa antelación oportuna a constancia de teren recibido o sacramento do Bautismo dos que non haxa referencia no arquivo parroquial por seren bautizados noutras parroquias. Cómpre igualmente que ningún sacerdote admita a frégueses doutras parroquias, salvo que sexan presentados polo seu párroco propio e teñan a preparación requirida.

1.2 Para que a administración da Confirmación exprese máis adecuadamente o compromiso persoal da fe, convén recordar:

1° Que o número de participantes na celebración non sexa moi numeroso. Deste xeito, cada unha delas non debería superar os 40-50 confirmandos, máxime en templos pequenos. Se a parroquia é grande e hai moitos confirmandos, resulta preferible pro gramar outras celebracións coa finalidade de que o acto sexa mais personalizado.

2° De cara a unha celebración participada ten unha meirande importancia a colocación dos confirmandos no templo. Deberá reservarse para eles o espacio máis inmediato ó presbiterio; dese xeito se fai comunicativa a cerimonia e mailo diálogo do ministro cos confirmandos.

3° Atender especialmente ás disposicións do Directorio Diocesano dos Sacramentos da Iniciación Cristal no referente á idade, á preparación, e ó grado de madurez do confirmando (cfr. núms. 3.6 e 3.7).

4º Xa no limiar da preparación debe informarse ós confirmandos con total claridade, mellor aínda por escrito, das condicións que require o vixente Ordenamento Canónico para que alguén poida ser padriño/madriña no acto da Confirmación (cfr. cc. 892- 893,874 e o núm. 4,3 do Directorio Diocesano do ano 1997). Sublíñanse as seguintes: estar bautizado na Igrexa Católica e ter recibido o Sacramento da Eucaristía; levar unha vida coherente coa fe católica e coa misión que asume no apadriñamento (e levar unha vida coherente coa fe significa: estar vivindo, pública e privadamente, de conformidade coa Doctrina da Igrexa católica; é vivir en tódalas dimensións existenciais da persoa de acordo co Evanxeo; así non teñen unha vida coherente ca fe católica; o católico que dun xeito notorio abandonou a súa fe; o católico que está casado en forma meramente civil; o católico que está convivindo maritalmente sen mediar vínculo matrimonial canónico; os non practicantes, etc.); asemade, non atoparse incurso ou afectado por unha pena canónica, e non ser pai ou nai do confirmando. Faise obrigado recupera-la figura do padriño/madriña de xeito que non sexa unha mera convención ou uso social, para reintegrala no seu verdadeiro sentido e compromiso relixioso.

1.3 Ministro do sacramento da Confirmación. Para facilita-la catequese cos confirmandos sublíñase seguidamente a doctrina vixente na Igrexa Católica de rito la tino referente ó ministro da Confirmación, e que recolle o actual Código de Dereito Canónico nos. cc. 882-888.

Primeiro.- O Bispo é o ministro ordinario do sacramento da Confirmación (c. 882). O Concilio Vaticano II usa o concepto «ministro ordinario» para deixar constancia de que «o ministerio do Bispo mostra mais axeitadamente o vínculo que une ós confirmados á Igrexa» (LG 26c e Ordo Confirmationis 7). A terminoloxía empregada polo Código de Dereito Canónico é máis propia da tradición na Igrexa Católica de rito latino.

Segundo.- Ademais do Bispo, pode administrar validamente a Confirmación o sacerdote que está dotado desa facultade, ben sexa en virtude do propio Dereito («ipso jure») ou ben por unha concesión peculiar da autoridade competente. Non abonda, pois, a soia potestade do sacramento do Orde para administrar validamente a Confirmación, como tampouco abonda para ser confesor. Requírese estar dotado, dunha facultade peculiar, sexa cal sexa a natureza teolóxico-canónica da mesma.

Segundo se dixo, esta facultade peculiar pode chegar ó sacerdote por unha destas dúas vías:

a) Por medio do Dereito ( iure») posúen a facultade ou potestade:

• Aqueles presbíteros que están equiparados ó Bispo diocesano, a tenor doc. 381 cos seus concordantes.

• O presbítero que por razón do seu oficio canónico ou por mandato do Bispo diocesano bautiza a unha persoa que excedeu a idade da infancia, ou admite na plena comuñón da Igrexa Católica a un que foi bautizado noutra Igrexa ou Confesión Cristiá (c. 883. 3° e Resposta da Pontificia Comisión para a interpretación dos decretos do Con cilio Vaticano II, de 21 decembro 1979, en AAS 72(1980)105.

• En perigo de morte administra validamente o sacramento da Confirmación ós seus fregueses o párroco, ou ben calquera outro sacerdote (c. 883.3°).

b) Por concesión peculiar da autoridades competente (c. 884).

Ademais da Sede Apostólica, tamén o Bispo diocesano, cando a necesidade o requira, pode conceder facultade a un ou a máis presbíteros determinados para que administren o sacramento da Confirmación. Na nosa diocese de Santiago teñen esta facultade os Vicarios Episcopais mentres desempeñen ese oficio canónico. É necesario recordar que un presbítero, aínda que sexa párroco, non pode confirmar fóra das situacións máis arriba contempladas, e se procede á mesma, tal administración non sería válida. Polo que, caso de estar todo preparado nunha parroquia ou noutro grupo pastoral e o ministro non se presenta, nin o párroco nin outro presbítero carente da facultade prescrita pode administra-lo sacramento da Confirmación. ¿Qué facer, entón, nesa situación?: a) intentar comunicar co Sr. Arcebispo solicitando delegación para que con firme o párroco ou algún outro sacerdote presente, caso de non poderen facerse pre sentes; b) se o anterior non foi posible, procurar comunicar con algún dos Vicarios Episcopais para que se faga presente algún; c) se ningunha das solucións apuntadas foi posible, é necesario explicar os fieis esta circunstancia, indicando que a celebración da Confirmación terá de ser celebrada noutra data a convir.

2. SACRAMENTOS DO BAUTISMO E DA CONFIRMACIÓN: PRESENTACIÓN DA PARTIDA DE BAUTISMO DOS PADRIÑOS/MADRIÑAS

Desde hai un tempo a esta parte e debido á intensa mobilidade das persoas algúnha familia presentou como padriño/madriña para o bautismo a persoas que non eran fieis da Igrexa Católica e, nun caso coñecido, nin sequera estaba bautizado o «padriño», nin consta do bautismo da «madriña», sorprendendo así a boa fe do sacerdote.

Para erradicar de raíz estes feitos, cómpre que o sacerdote, cando non teña coñecemento directo dos propostos para padriño ou madriña, deberá recabar necesariamente a presentación das pertinentes certificacións bautismais na Igrexa Católica, tanto para a celebración do sacramento do bautismo como para o da confirmación: é tamén convinte que se teña testemuña da súa práctica relixiosa expedida polo párroco respectivo.

3. PARTIDA DE BAUTISMO NO EXPEDIENTE MATRIMONIAL

 

Vixiando pola necesaria seguridade xurídica da documentación que debe aportar- se á tramitación do expediente previo ó matrimonio canónico, lémbrase ós Rvdos. Srs. Curas Párrocos e responsables de parroquias, que o noso dereito particular ten disposto que a partida ou certificación do bautismo debe adxuntarse ó expediente matrimonial, cando este non queda arquivado na parroquia propia na que conste inscrito o bautismo ou cando os expedientes se remitan desde a parroquia de orixe a outra. A devandita certificación debe incluír as notas marxinais preceptuadas polo dereito, e a data da súa expedición debe estar dentro do semestre previo.

Recórdase tamén que o noso dereito particular segue outorgando certa preferencia á freguesía da noiva para abri-lo expediente matrimonial e/ou para que a voda se celebre nela, aplicada esta preferencia dentro do contexto da lexislación común que contempla oc. 1115, quedando alí arquivado-los expedientes. Se algunha parella opta por celebra-la voda noutra parroquia distinta á dos noivos, o párroco que teña no seu poder os expedientes, poderá remesar o párroco que asista ou autorice a celebración do matrimonio o chamado ESTADILLO (cfr. BOA de Santiago, ano 1941, pp. 211-213), ou ben pasa-los devanditos expedientes, debidamente dilixenciados, para que sexan arquivados alí. Cando os expedientes saían da parroquia na que deberían ser conservados, se estima procedente que o sacerdote encargado dese arquivo deixe unha constancia de tal feito dentro do cartafol dos expedientes coa seguinte nota: «Os expedientes matrimoniais de Don ... e Dona ... foron remesados á parroquia de ... porque alí tivo lugar a celebración da voda», subliñando data, mes e ano.

Canto queda disposto da partida de bautismo, servatis servandis, debe aplicarse á partida de defunción, no caso de viuvos/as se pasan a novas nupcias.

Coiden os Srs. Curas ser dilixentes, unha vez tivo lugar a celebración canónica da voda, para efectua-las comunicacións pertinentes que prevé a normativa vixente. Can- do a comunicación sexa do matrimonio dun viúvo/a ou dun matrimonio declarado nulo polo competente Tribunal Eclesiástico, de cara a evitar ulteriores investigacións, cómpre que esa circunstancia sexa referenciada na comunicación.

Tamén recordar que tanto as documentacións que veñen de parroquias de outras Dioceses como as que saen das parroquias da nosa Diocese para outras, deben ser dilixenciadas na Curia Compostelana.

Nota importante: De cara a evitar dificultades ós contraínte.s cómpre cumprir por parte dos rectores de parroquias as seguintes indicacións:

a) Non enviar a outras dioceses as certificacións bautismais e os informes de soltería sen seren legalizados no Arcebispado. Con demasiada frecuencia están sendo devoltos eses documentos para a debida tramitación.

b) Os expedientes matrimoniais non deben ser remesados ás outras dioceses; logo de ser tramitados na parroquia preséntanse no Arcebispado para proceder a face-lo pertinente ATESTADO, que terá de ser enviado a diocese na que será celebrado o matrimonio.

4. CERTIFICACIÓNS CIVÍS NOS EXPEDIENTES MATRIMONIAIS

Coa finalidade de prevenir situacións delicadas que están aparecendo na tramitación das documentacións matrimoniais no intre de prepara-los expedientes canónicos, ou, o que aínda é máis conflictivo, cando o matrimonio xa foi celebrado, cómpre que os encargados da tramitación soliciten coa debida antelación dos noivos que incorporen ós respectivos expedientes a certificación literal de nacemento expedida polo Rexistro Civil.

Cando as dúas partes, ou unha delas, tivera celebrado un matrimonio anterior, que fora declarado nulo si é matrimonio canónico, ou obtivo o divorcio se é matrimonio civil, os contraentes aportarán a certificación literal de nacemento e a certificación literal do matrimonio anterior, de cara a verificar se foron incorporadas as notas marxinais que prevé a vixente lexislación. Estas certificacións deberán ter unha data recente.

Asemade cómpre solicita-la presentación do informe de Fe de Vida e Estado para que conste no expediente matrimonial.

5. DOCUMENTACIÓN CANÓNICA PARA A ADMISIÓN Á PRIMEIRA EUCARISTÍA
E NOTA ACERCA DE COLECTAS NOS TEMPLOS

(cfr. BOA de Santiago, abril 1996, p. 281).

Santiago de Compostela, catorce de novembro de dous mil dous.

 Asdo./Víctor B. Maroño Pena
Provicario Xeral