|
Boletín Oficial del Arzobispado de Santiago |
||
|
5. CARTA PASTORAL NA CORESMA DEL 2002 «Testemuñas do amor gratuíto de Deus nunha vida santa» Queridos diocesanos: O tempo de Coresma evócanos esa peregrinación cara á terra prometida que é a vida eterna, e convócanos á celebración do misterio pascual onde a cruz e maila morte encontran resposta na resurrección que ilumina as fosas circunstancias humanas nas que a eternidade parece algo irrelevante. «Só se a medida da nosa vida é a eternidade, tamén esta vida sobre a terra é grande e o seu valor é inmenso»; Na perspectiva do xuízo de Deus percibimos que as inxustizas deste mundo non son a última palabra da historia. Consecuentemente ese tempo ternos que vivilo firmemente adheridos en esperanza a Xesucristo que nos deixou exemplo na súa propia persoa. «El, cargado cos nosos pecados, subiu ó leño e non cometeu pecado nin encontraron engano na súa boca e por nós para que vivamos nel, soportouno todo» (San Policarpo ós Filipenses). Volver a DeusEstamos necesitados de volver a Deus non pola senda da superficialidade senón polo camiño da interioridade a través da confesión dos nosos pecados, do perdón das ofensas recibidas, da oración, das obras de caridade e da humildade, traballando por un mundo renovado na fe e no amor. A marxinación de Deus pon en crise a cultura actual. Ás veces témo-la impresión de que o home nos nosos días vive como se Deus non existise, pero por outra parte, día a día, manifesta de diferentes modos a necesidade de que alguén o rescate deste baleiro que percibe no íntimo de si mesmo, e que o leva a facer propias as palabras do salmista: «Oh Deus ti e-lo meu Deus por ti madrugo; a miña alma está sedenta de Tí». Afianza-la confianza na vocación cristiá é poñerse en disposición de demostrar algo da vocación humana. Testemuño na vida diariaOs cristiáns ternos que anunciar na vida diaria a nosa fe e acompaña-los demais na busca de Deus, anunciando a Cristo, concibido virxinalmente no seo da Virxe María, verdadeiro Deus e verdadeiro Home, morto e resucitado onde debemos enraiza-la nosa vida para descubri-lo segredo do sentido da mesma; manifestando a nosa fe en Deus, Pai todopoderoso, creador do ceo e mais da terra, de todo o visible e invisible; e no Espírito Santo, Señor e dador de vida, que coa súa gracia nos introduce no coñecemento do único Deus verdadeiro e do seu enviado Xesucristo, pois «ninguén pode dicir: ¡Xesús é o Señor! senón por influxo do Espírito Santo» (1 Cor 12. 3). «A Coresma, como escribe o Papa na súa Mensaxe. que é unha ocasión providencial de conversión, axúdanos a contemplar este estupendo misterio de amor». É momento de repensar serenamente a nosa fe bautismal e proclamala en tódolos ámbitos da vida, respondendo á vocación á santidade. «Despois de recibir a vida de balde, debemos pola nosa parte, dárlle-la ós irmáns de maneira gratuíta. Así llelo pide Xesús ós seus discípulos, ó envialos como testemuñas súas no mundo: Gratis o recibistes; dádeo gratis. E o primeiro don que ternos que dar é o dunha vida santa, que dea testemuño do amor gratuíto a Deus». Todos somos chamados á plenitude da vida cristiá e á perfección da caridade. «Para alcanzar esta perfección, os crentes han de emprega-las súas forzas, segundo a medida do don de Cristo, para entregarse totalmente á gloria de Deus e ó servicio do próximo. Farano seguindo as pegadas de Cristo, facéndose conformes á súa imaxe, e sendo obedientes en todo á vontade do Pai. Desta maneira, a santidade do Pobo de Deus producirá froitos abundantes, como o mostra claramente na historia da Igrexa a vida dos santos» (LG 40). A acollida do don da fe, o bautismo e o cumprimento dos mandamentos de Deus póñennos no camiño para volver á casa do Pai e recibi-lo abrazo do seu amor misericordioso. «Se gardáde-los meus mandamentos, perseveraredes no meu amor, así como eu tamén gardei mandamentos do meu Pai e estou no seu amor» (Xn 15, 10). Os mandamentos son esa pedagoxía de liberación para o home escravo do temor e do egoísmo. Froitos dunha vida en santidadeEsta esixencia cristiá lévanos a ve-las causas deste mundo desde a xusta medida da eternidade, sendo fermento transformador dunha sociedade na que a apertura 6 outro, a fraternidade e a solidariedade erradiquen toda discriminación racial e intolerancia e se eliminen tódalas formas de resentimento e de violencia en favor dunha paz que non pode ser allea á verdade do espírito transformador das Benaventuranzas. Este espírito impulsa a supera-lo proceso de individualismo cunha cultura que favorece unha conducta excluinte e degrada os desfavorecidos na nosa chamada a vivir permanentemente a conversión interior que máis alá de mediocridade e da mesquindade nos impulse coa axuda da gracia de Deus a introducir nas institucións e condicións de vida, cando estas inducen 6 pecado, as melloras convenientes para que aquelas se conformen ás normas de xustiza e favorezan o ben común en lugar de opoñerse a el (cfr. LG 36). Eco na nosa pastoralA chamada de Cristo á conversión segue resoando nas encrucilladas da nosa existencia, invitándonos a responder ó amor de Deus que nos amou primeiro (1 Xn 4, 10), este amor que encontra o seu significado máis pleno no Misterio Pascual que nos dispoñemos a celebrar, anunciando a morte e proclamando a resurrección do Señor mentres esperámo-la súa vinda gloriosa. A Coresma é tempo propicio para a apaixonante tarefa da evanxelización, obxectivo do noso plan pastoral. Esforcémonos para que a nosa Diocese viva este espírito a través das charlas coresmais, misións ou outros medios pastorais en tódalas parroquias e as demais institucións diocesanas, coidando con especial esmero a celebración da Eucaristía. Neste propósito pídolle-lo maior esforzo ós sacerdotes, membros de Vida Consagrada e lai cos desta Igrexa diocesana. Saúdavos con todo afecto e bendícevos no Señor.
Arcebispo de Santiago de Compostela |