|
Boletin Oficial del Arzobispado de Santiago |
||
|
Carta Pastoral no Día do Seminario. Marzo 2001 SENTIR OS LATEXOS DO SEMINARIOBenqueridos diocesáns: A incertidume do futuro preocupa a todos e desconcerta os que viven sen esperanza. E neste ámbito se move o espirito cando se trata de analizar a situación vocacional ó sacerdocio con escuro entendemento e non sempre con lúcido afecto. Por iso nos encontramos as veces con algunhas persoas que divulgan opinións non acordes co sentir da Igrexa, fundada por Cristo que "quixo perpetuar neta o seu único sacerdocio". Neste senso traemos á memoria as palabras que se proclaman no Prefacio da Misa Crismal: "El non só conferiu o honor do sacerdocio real a todo o seu pobo santo, senón tamén con amor de irmán, elexiu á homes deste pobo para que pola imposición das mans participen da súa sagrada misión". De aí que nunca será excesiva a atención solícita que poidamos dedicar ós nosos Seminarios Maior e Menor ós que todos, sacerdotes, diáconos permanentes, membros da vida consagrada e leigos, habemos de mirar con admiración, amor e compromiso. Ningún diocesán debe sentirse mero espectador ante as vicisitudes dos nosos centros de formación sacerdotal. O noso cálido afecto e a nosa oración sinxela e confiada son imprescindibles. A vocación, don de DiosO noso Seminario Maior viviu momentos de plenitude nestes seis anos pasados coa ordenación episcopal de quenes foron Rectores do mesmo, Uxiu Romero Pose e Mons. Luis Quinteiro Fiuza, noso Bispo Auxiliar, e coa ordenación sacerdotal dos trinta e seis novos membros do noso presbiterio diocesán que coa súa xuventude contribuiu ó dinamismo da vida pastoral da nosa Igrexa particular. Por todo isto, nunca será o suficientemente grande o noso agradecemento a Deus. En todo caso, é necesario continuar na teima, e poñer a man no arado mirando para diante, implicándonos seriamente na pastoral vocacional. Fai uns días escribía ós xoves diocesáns participándolles a miña preocupación e inquietude pola penuria de voacións ó sacerdocio, das que depende gran parte da vida eclesial. Comentáballes entón que toda vocación cristiá é un don de Deus e que a vocación sacerdotal é un don inefable do amor de Deus ó home. "Non me escollestes vos a min, senón que vos escollín eu a vós" (Xn 15,16), díxolles Xesús ós seus apóstolos. Sentimentos estes que quero reavivar de maneira especial con vós no Día do Seminario, esperando que esta chamada non pase desapercibida por causa da indiferencia ou da rutina, e sendo consciete de que un dos froitos da fe, se é viva, dos que formamos esta Igrexa diocesá han de ser as vocacións sacerdotais. "O Seminario, corazón da diócese"O lema desta Campaña: "O Seminario, corazón da Diócese", pon ante a nosa consideración que esta comunidade educativa, é unha realidade imprescindible para a vida da Diócese, definíndose "coma un ambiente espiritual, un itinerario de vida, unha atmósfera que favoreza e asegure un proceso formativo, de maneira que o que foi chamado por Deus ó sacerdocio pode chegar a ser, co Sacramento da orde sacerdotal, unha imaxe de Xesucristo, Cabeza e Pastor da Igrexa" (PDV 42). Todo isto nese doble movimento de sístole e diástole, de contracción e dilatación, de coñecemento dos propios obxectivos e referencia á vida diocesá. Sendo o seminario "o berce do presbiterio", os seminaristas han de ser o corazón que latexa a este impulso. Na realidade do Seminario podemos contabilizar a xestión económica pero non é fácil cuantificar os desvelos humáns-sacerdotais na formación dos candidatos ó sacerdocio. Neste senso, temos que facer referencia obligada á entrega xenerosa, non sempre recoñecida, dos formadores, á preparación remota e próxima dos profesores, e ós esforzos dos seminaristas por seren fieis á vocación coa que foron chamados. Todos nos damos conta das moitas dificultades que éstes encontran "no seu particular camiño de Emaús" no momento actual. Será preciso auscultar con detemento e con atención os latexos deste corazón diecesán, favorecendo todo o que lle poida vigorizar, recoñecendo que o Señor nos da en gracia o que nos pide como misión. Como nos recorda o Decreto sobre a Formación Sacerdotal. do Vaticano II, "tódolos sacerdotes deben considerar o seminario coma o corazón da diócese e prestarlle gustosamente a sua axuda" (n° 5). Exhortacion finalCoa intercesión de San Xosé, patrón da Igrexa e valedor das vocacións sacerdotais, pregamos ó Dono da mese, –a oración ha de fundamentar a nosa pastoral vocacional–, relembrando as palabras orantes do Papa Paulo VI: "Ruba pois ata o ceo a nosa oración dende as familias, dende as parroquias, dende as comunidades relixiosas e dende as salas dos hospitais, de beizos dos nenos inocentes para que aumenten as voacións sacerdotais e para que sexan segundo os anhelos do Corazón de Cristo". Conocendo tamén as necesidades económicas dos nosos Seminarios, pídovos que prestedes o voso apoio con entusiasmo e xenerosidade. Con todo agradecemento, saúdavos e bendice no Señor,
Arcebispo de Santiago de Compostela |