|
Boletin Oficial del Arzobispado de Santiago |
||
|
VICARIA GENERAL 1. Elenco de disposicións para o ano 2001 As seguintes disposicións teñen como finalidade axudar á realización das funcións pastorais e a que os nosos servicios ministeriais sexan prestados en sintonía coas realizacións do dereito común, coas disposicións que nos axuden durante este ano de 2001 a cumprir con máis fidelidade a nosa misión de pastores e evitemos así as rutinas que se puideron ir introducindo co paso do tempo. 1. PARTE SACRAMENTAL 1.1 Sacramentos da iniciación cristiá O Directorio dos Sacramentos de Iniciación Cristiá, recentemente promulgado, determina con amplitude os principios doutrinais e as disposicións normativas que se deberán ter en conta na vida da nosa Diocese. Aquí soamente se explicitan algúns aspectos de máis inmediata aplicación. 1.1.1. Sacramento do Bautismo Preparación. A celebración do sacramento deberá estar precedida dunha preparación dos pais, que tamén se debería ampliar ós padriños. Para iso poden ser útiles: visitas domiciliarias, encontros na igrexa, reunións familiares, entregas de folletos, libros, catecismos, etc. O Ritual do Bautismo de nenos ofrece material para explica-lo “ministerio e as funcións dos pais no bautismo dos fillos”. Padriños. O c. 874 determina as cualidades necesarias que debe ter un fiel para poder ser admitido como padriño ou madriña. Isto é: ha de ser elixido polos pais do neno ou por quen ocupe o seu lugar; ha de ter capacidade para esta misión e intención de cumprila, ter cumpridos 16 anos, estar confirmado, ter recibido a Eucaristía, levar unha vida congruente coa fe e coa misión que vai asumir (levar unha vida congruente coa fe significa estar vivindo, pública e privadamente, en conformidade coa Doutrina da Igrexa Católica; é vivir en tódalas dimensións existenciais da persoa en conformidade coa fe. Así, non levaría unha vida coherente coa fe católica: o católico que notoriamente abandonou a fe, o católico casado en forma meramente civil, o católico que está convivindo maritalmente e sen vínculo canónico, os non practicantes, etc.), non estar incurso nunha pena canónica, e non ser pai nin nai do bautizando. Trátase de recupera-la figura do padriñado para que deixe de ser mera convención social e recobre o sentido relixioso e cristián. Así, e necesario que ó longo do ano o párroco relembre nas exhortacións ós fieis estas condicións que pide a Igrexa e que llelas faga presentes ós pais cando soliciten o bautismo para un fillo. Calendario. Cada parroquia establecerá, conforme as súas características, un calendario de celebracións, do que debe informar os fieis, sinalando os días e as horas dos bautismos. Se algunha familia pide outra data ou outra hora distintas das previstas, estúdiense con obxectividade e comprensión as razóns aducidas. Situacións especiais da fe ou vida dos pais. As situacións especiais que aquí se contemplan refírense a aqueles casos nos que os que piden o bautismo para os fillos son pais pouco creentes ou practicantes só ocasionais, ou persoas que viven nunha situación canónica irregular, ou que incluso se manifestan ou declaran non crentes. Para proceder á celebración do bautismo no contexto destas situacións especiais, a Igrexa debe ter “esperanza fundada de que o neno vai ser educado na relixión católica; se falta por completo esa esperanza, debe diferirse o bautismo, conforme as disposicións do dereito particular, facéndolles sabe-la razón ós pais” ( c. 868, 1-2º). No diálogo cos pais convén deixar claro que a negativa non é unha sanción nin unha coacción, senón unha invitación a reflectir sobre a incoherencia entre as actitudes ou vida persoal deles e a petición do bautismo para o fillo. Os nenos son bautizados na fe da Igrexa. Non cabe, logo, nega-lo bautismo cando existe unha promesa seria dun membro da familia, máxime se ten a conformidade dos pais, ou cando unha persona cualificada da comunidade asume ese compromiso. ( Cfr. Congregación para a Doutrina da fe, instrucción para o Bautismo dos nenos, de 30 de Outubro de 1.980. Vid. BOA Xaneiro 1.981, pp. 30-42) Se acaso algún deles ou os dous, non poden, por fidelidade á propia conciencia, facer profesión de fe, chegado ese momento na celebración, debe gardar silencio. Neste caso, só se lle pide que cando presente o fillo para ser bautizado, prometa seriamente que non se opoñerá a que o fillo sexa educado na fe católica. Sería conveniente que no arquivo parroquial quede proba documental desta promesa asinada polos pais. En resumo: a acollida cordial e o diálogo sereo son presupostos esenciais neste punto. O sacerdote tratará de evitar dous extremos igualmente malos: o dunha permisividade que pasa por todo, e o dunha intransixencia total que se contradí cunha actitude de acollida evanxélica. Se o párroco prevé que o caso é complexo, cómpre que considere esa situación co respectivo Vicario Episcopal (Cfr. Directorio Diocesano, nº 6). Asento bautismal. a) Situacións irregulares. Nos casos en que non consta suficientemente o matrimonio canónico dos pais entre si, para que exista a adecuada concordancia entre o asento parroquial e o Rexistro Civil, cómpre que o párroco solicite dos pais que aporten certificación literal de nacemento do neno/a expedida polo Rexistro Civil, antes de face-lo asento no libro de bautizados. b) Adopción. Para aplicar correctamente o canon 877,3 e o Artigo 9 do Primeiro Decreto Xeral da Conferencia Episcopal Española (cfr. BOCEE 1, 1984, 95-113) no referente tanto ó asento dos nenos que no momento de seren adoptados non estaban bautizados, como á modificación do asento bautismal se xa estaban bautizados cando se produciu a adopción, os Cregos enviarán á Vicaría Xeral a documentación civil da adopción acompañada dun escrito explicativo desa situación, e ateranse á resolución que dicte a Vicaría Xeral. Débese lembrar que os datos da adopción son confidenciais e o acceso ós mesmos debe estar xustificado por quen teña un interese lexítimo, circunstancia que require o permiso escrito do Ordinario do lugar. 1.1.2 Sacramento da Confirmación Idade. O c. 891 do vixente Código de Dereito Canónico norma que o Sacramento da Confirmación se debe administrar ós fieis en torno á idade da discrección, a non ser que a Conferencia Episcopal determine outra idade ou aparezan circunstancias de perigo de morte ou outra causa grave. No desenvolvemento deste c. 891, a Conferencia Episcopal Española establece como idade para recibi-lo Sacramento da Confirmación a situada arredor dos 14 anos (cfr. BOCEE 1, 1984, 95-113). Como aplicación concreta á nosa Diocese, o Directorio Diocesano dos Sacramentos de Iniciación Cristiá opta porque este Sacramento sexa recibido arredor dos 16 anos para posibilitar unha meirande maduración no crecemento da fe. Convén ir axustando a nosa actuación pastoral a esta disposición. (Cfr. Directorio Diocesano... nº 3.7). Preparación. O Directorio Diocesano distingue diversos supostos en función dos que procede arbitra-la catequese dos confirmandos. Esta catequese debe levar a un meirande crecemento da fe, a unha certa experiencia de oración persoal e comunitaria, a unha vivencia máis intensa da Penitencia e da Eucaristía, sobre todo pola participación na Misa dominical, e a unha axeitada formación da conciencia moral e do compromiso social. Para que esta preparación se faga máis profunda, convén que se imparta ó longo de dous cursos. E, salvo situacións de persoas maiores que foron quedando “descolgadas” de celebracións anteriores, debe evitarse a preparación en forma de “cursiños acelerados”. Considérese, non obstante, como preparación normal, a descrita polo Directorio Diocesano (Cfr. Directorio Diocesano, nº 3.6). Téñase especial coidado en integra-los mozos confirmados en grupos xuvenís para prosegui-lo seu crecemento na fe e incorporalos a diversas tarefas pastorais e apostólicas. Lugar. O lugar propio da celebración deste sacramento é a igrexa parroquial na que o confirmando recibiu a preparación. Se esta preparación se quere levar a cabo en algún Colexio da Igrexa Católica ou de tipo confesional e desexen celebra-lo sacramento nas dependencias do mesmo, deberán solicita-la oportuna autorización ó respectivo Vicario Territorial, especificando o modo e o tempo da celebración así como a conexión coa parroquia do confirmando. Esta autorización debe ser solicitada antes de comenza-la preparación e no desenrolo da mesma serán tidos en conta os criterios subliñados no Directorio Diocesano da Iniciación Cristiá e mailas indicacións provintes da parroquia. Padriños. Os padriños dos confirmandos deberán reuni-las mesmas cualidades relixioso-morales que se esixen para seren padriños no bautismo. É conveniente que os párrocos traten de coñecer coa debida antelación os “padriños propostos” para evitar sorpresas desagradables de derradeira hora. Procedería ir institucionalizando unha preparación catequética para pais e padriños dos confirmandos , así como a información ós confirmandos xa no empezo da preparación con total claridade acerca das condicións ou requisitos do vixente Ordenamento Canónico para ser padriños neste sacramento. Ministro. Cómpre recordar que na Igrexa Católica de rito latino só o Bispo é ministro ordinario do sacramento da confirmación (c. c. 882 do vixente CIC); para que poda administrar este sacramento un presbítero necesita ter unha facultade especial que é concedida ou polo propio dereito ou ben pola autoridade competente. No primeiro caso, o dereito contempla estas tres posibilidades: a) presbítero equiparado ó Bispo diocesano, a tenor do c. 381 cos seus concordantes; b) presbítero que por razón do seu cargo ou por mandato do Bispo administra o sacramento do Bautismo a un que sobrepasou a idade da infancia ou é admitido á plena comuñón da Igrexa Católica cando foi bautizado noutra Igrexa ou Confesión cristiá; c) atoparse un fregués ou un fiel en perigo de morte. No segundo caso, concede esta facultade a autoridade competente a algún o algúns presbíteros (p.e., na nosa diócese teñen esta facultade os Vicarios Episcopais perante o tempo que desempeñen este oficio canónico). Fóra das situacións anteriores o presbítero, aínda que sexa o párroco, non pode administra-la confirmación (Vid.: tratamento deste apartado exposto mais longamente no BOA de Santiago de Compostela, decembro 2000, pp. 642-643). Suplencia de preparación doutrinal. Aqueles confirmandos que non cursaron Formación Relixiosa Católica nos seus estudios deberán suplir esa carencia de formación doutrinal cunha preparación máis intensa e prolongada no tempo antes de seren admitidos á recepción do Sacramento da Confirmación. Documentación. Procuren os párrocos recadar documentación suficiente do bautismo daqueles que non foron bautizados na propia parroquia e non admitan fregueses doutras parroquias, a non ser que fosen presentados polos párrocos respectivos e teñan recibido a preparación axeitada (BOA Decembro 1996, p. 682, e BOA Decembro 1997, p. 596). 1.1.3. Primeira Eucaristía A catequese de preparación para a Primeira Eucaristía é unha etapa importante na educación na fe do neno. Por iso non debe ser contemplada como un momento aillado na vida, senón que debe ser inserida no proceso continuo de maduración da fe. Idade. Respectando o normado nos cc. 913, 1 e 914 do vixente Código, o noso Directorio Diocesano recomenda celebra-la primeira Eucaristía arredor dos 8-9 anos. (Cfr. Directorio Diocesano nº 3.2. e). Non é razón suficiente para adiantar ou retrasa-la participación nos Sacramentos o desexo familiar de que o reciban ó mesmo tempo varios irmáns. Cando se dea esta circunstancia é preferible que o irmán maior espere polo máis pequeno, se isto se pode facer sen grave prexuízo para a familia, pois cada neno convén que acceda á Primeira Eucaristía no momento máis oportuno do proceso de maduración da propia fe. Preparación. A preparación catequética previa debe durar ordinariamente dous cursos. Durante ela háselle de facilitar ó neno unha meirande conciencia de inserción na parroquia e a necesaria continuidade da catequese no proceso global do crecemento cristián. Esta etapa da preparación é unha boa ocasión para lembrarlles ós pais a súa misión e a súa responsabilidade como educadores primeiros da fe dos fillos e para animalos a que eles mesmos sexan os catequistas, sempre que teñan a preparación axeitada. Con relación á duración e ós contidos véxase Directorio Diocesano... nº 3.2. Lugar da celebración. O lugar propio da celebración, así como da preparación, é a parroquia na que vive o neno e seguirá, mentres resida nela, celebrando a fe de modo habitual. Os colexios confesionais e os da Igrexa Católica han de animar ós seus alumnos e ós pais a que participen nas súas respectivas parroquias na catequese da infancia e na celebración dos primeiros sacramentos. Ningún sacerdote debe admitir a este Sacramento a un neno que veña de outra parroquia se non lle consta, mediante informe escrito dado polo párroco do neno , que recibiu a formación oportuna. Situacións especiais. A carencia de actitudes claras e moitas veces pouco coherentes nalgúns bautizados que piden a Primeira Comunión para os fillos, faise difícil discernir entre o que é fe persoal e o que é costume social. Nestas circunstancias, o sacerdote acollerá sempre a persoa que pide o sacramento, procurará escoitala con espírito aberto e estará máis disposto a completa-lo que falta que a esixi-lo sen ofrecer axuda. Nos casos máis dificiles debe contrasta-lo seu proceder cos outros sacerdotes do arciprestado e co Vicario Episcopal respectivo. Fillos de emigrantes. Os pais emigrados, coincidindo co período de vacacións na súa parroquia, adoitan pedir ó parroco da freguesía de orixe que os fillos poidan facer alí a Primeira Comunión. No diálogo que se establece convén que este párroco recomende a eses fregueses que os nenos fagan a Primeira Comunión cos seus compañeiros de clase e de catequese na parroquia onde residen habitualmente. Os cregos poden acceder á petición, sempre que lles conste por escrito que recibiron a axeitada preparación na parroquia de residencia e tomen parte na preparación inmediata que se organice na parroquia vacacional. Téñase presente que tanto estas normas coma outras deben ser interpretadas e aplicadas respectando sempre os dereitos que a lexislación xeral da Igrexa lles recoñece, neste caso segundo o c. 913,1. As programacións parroquiais deben estar enmarcadas dentro das normas do dereito común e do dereito diocesano, e deben ser comunicadas ós fieis coa debida antelación. Comunión de nenos discapacitados. Débese coidar con especial sensibilidade o achegamento ós nenos afectados destas minusvalías, prestándolles con delicadeza a catequese axeitada ás súas posibilidades, e tendo en conta que o Sacramento é un don de Deus expresivo tamén do amor da Igrexa a estes fillos seus. Documentación. Ó mesmo tempo que se inscribe o neno na catequese, procede pedirlles ós pais a partida de bautismo ou documento suficientemente válido. A actual mobilidade da poboación, a aparición de familias descoñecidas na parroquia e o feito de que van quedando moitos nenos sen bautizar, fai necesario toma-las debidas precaucións. 1.2 SACRAMENTO DA PENITENCIA “Quen se achegan ó sacramento da Penitencia obteñen da misericordia de Deus o perdón da ofensa a El feita e a reconciliciación coa Igrexa, a que feriron pecando, e que colabora á súa conversión coa caridade, co exemplo e as oracións” (LG 11). a. Celebración ordinaria da Penitencia. De conformidade co c. 960 e a praxe da Igrexa, “a confesión individual e íntegra e a absolución constitúen o único modo ordinario polo que un fiel consciente de que está en pecado grave se reconcilia con Deus e coa Igrexa. Só a imposibilidade física ou moral exclúe esa confesión. Neste caso a reconciliación pódese obter tamén por outros medios”. É obriga dos pastores, en relación cos fieis que teñen encomendados, oílos en confesión, por si ou por outros, sinalando para iso dias e horas que resulten asequibles para os fieis, dándose prioridade na celebración, sempre que sexa posible, á fórmula B do Ritual do Sacramento da Penitencia. O tempo de Coresma é o máis axeitado para celebra-lo sacramento da Penitencia. Convén, por tanto, ofrecerlles ós fieis medios máis abundantes para participaren no Sacramento da Reconciliación. A forma tradicional dos chamados “Preceutos pascuais”, adaptada á fórmula B do ritual, é dicir, mediante Celebracións Penitenciais comunitarias con confesión e absolución individual, segue sendo un medio sumamente válido para ofrecerlles ós fieis esta participación no Sacramento. Para iso organícense os sacerdotes das distintas zonas e arciprestados, de xeito que estas celebracións poidan contar co número suficiente de cregos. Da mesma forma deben aproveitar outros tempos litúrxicos tales como o Advento e celebracións especiais da Parroquia. Lugar da celebración. “O lugar propio para oír confesións é unha Igrexa ou oratorio” (c. 964.1). Desta forma a reconciliación con Deus e coa Igrexa celébrase no lugar no que se reúne a comunidade cristiá no nome da súa fe para acoller na celebración litúrxica o encontro co Señor misericordioso. O art. 7 do Segundo Decreto Xeral da CEE recórdanos: “De conformidade co establecido no c. 964.2, nas igrexas e oratorios existirá sempre en lugar patente o confesonario tradicional, que poidan utilizar libremente os fieis que así o desexen. Existirá, ademais , na medida en que, por razóns de espacio, se poida facer así, a sede alternativa prevista no canon, para tódolos fieis que expresamente a pidan e que ha de estar reservada en exclusiva para este ministerio. En canto á forma concreta, deberanse ter en conta as condicións de cada lugar e as directrices diocesanas sobre arte sacra e liturxia, garantindo, en todo caso, tanta a facilidade e a reserva do diálogo entre o penitente e o confesor coma o carácter relixioso e sacramental do acto” (BOCEE 2, 1985, p. 62). Procurarán os párrocos e rectores de igrexas ter debidamente limpa e conservada a sede penitencial, de xeito que o fiel poida percibir así a manifestación do signo que nos invita ó encontro con Cristo no sacramento do perdón. b. A absolución xeral. A absolución xeral non se pode dar a varios penitentes á vez sen previa confesión individual (c. 961), a non ser que ameace un perigo de morte ou haxa unha necesidade grave, correspondéndolle ó Bispo diocesano xulgar se se dan esas condicións de necesidade grave (c. 961.2). A Conferencia Episcopal Española sinalou que “No conxunto do seu territorio non existen casos xerais e previsibles nos que se dean os elementos que constitúen a situación de necesidade grave na que se pode facer uso da absolución xeral” (BOCEE 6, 1989, p. 59). No caso de que se dese algunha das circunstancias que requiran a Absolución sacramental colectiva, débese ter en conta que entre as cautelas requeridas hai que lembrar particularmente o seguinte: 1) A imposibilidade de recibi-la absolución sacramental por parte dos que, tendo pecado gravemente, non están dispostos a repara-los danos causados ou a cambiar de vida. 2)
A obrigación de se achegar á confesión individual, o antes
posible, e sempre antes de recibiren outra absolución xeral, para os
fieis con pecados graves que foron perdoados mediante absolución xeral,
conforme o disposto no c. 963 (cfr. BOCEE 6, 1989,
p. 59). O cumprimento desta norma grava seriamente a conciencia do sacerdote, xa que se trata dun dos seus ministerios fundamentais, pois este terceiro rito de reconciliación non se pode contemplar coma unha alternativa á vía ordinaria. A confesión individual e íntegra non só é un deber “senón tamén un dereito inviolable e inalienable, ademais dunha necesidade da alma” (cfr. Reconciliación e Penitencia, nº 33). 1.3 Sacramento da eucaristia a) Misa pro populo. A teor do c. 534, o párroco está obrigado a aplica-la Misa polo pobo que ten encomendado tódolos domingos e festas de preceuto. Por esta celebración non debe percibir estipendio ningún. Cando un mesmo sacerdote rexenta varias parroquias cumpre esta obriga ofrecendo unha soa misa por tódalas parroquias encomendadas, e pode percibir estipendio pola segunda Misa que celebre (cfr. Comunicacions 15, 1983, pp. 200-201). Esta norma vale tamén cando varios sacerdotes rexen solidariamente varias parroquias: de conformidade co c. 543 un só aplica a intención por tódalas parroquias, e os sacerdotes do equipo concretarán co moderador a orde segundo a cal irán eles aplicando pro populo. Neste apartado debemos lembrar que xa hai tempo cesou na nosa Diocese a dispensa que reducía a aplicación da Misa pro populo a un só día o mes. b) Número de misas ó dia. O c. 905.1 dispón que non é lícito a un crego celebrar máis dunha misa o día. Desta norma exceptúanse: o día de Nadal e a Conmemoración dos Fieis Difuntos, nos que se poden celebrar tres Misas, e o Domingo de Resurrección, se se celebrou ou concelebrou a Vixilia Pascual, tamén cando se concelebra co Bispo diocesano, ou na Misa conventual, ou en reunións sacerdotais. É absolutamente reprobable a celebración de “misas encadeadas”, é dicir, as celebradas polo mesmo sacerdote sen saír do altar, enlazando unha misa coa seguinte. A dignidade do sacrificio eucarístico e a debida consideración que se lles débe ós fieis prohiben esta corruptela. Recórdaselles tamén ós párrocos a improcedencia de ter Misas cantadas os domingos e festivos, con cambio do horario habitual, para compracer peticións dalgunha familia particular. --- Acumulación de intencións na concelebración da Misa exequial ou outra semellante. Igualmente non é admisible o costume, que parece introducirse nalgunhas parroquias da Diocese, consistente en que con ocasión dun funeral ou outros actos concelebran co párroco algúns dos sacerdotes asistentes para facer presentes outras intencións usuais alí, tales como “Misa de anima”, “Misa de entrada” ou de “chegada”, “Misa de confraría”, etc. Este modo de actuar preséntase como unha forma puramente pragmática, carente de fundamentación teolóxica e pastoral, con independencia de que por esa segunda Misa concelebrada non se podería percibir estipendio ningún (c. 951.2). “Entre a Misa e o sacrificio redentor de Cristo existe unha identidade non só específica senón numérica, o que supón que non hai moitos sacrificios senón moitas presencias do mesmo sacrificio” (cfr. J.A. Abad Ibáñez e M. Garrido Boraño, Iniciación a la liturgia de la Iglesia, p. 413). O Ordinario pode conceder, que, con causa xusta, un sacerdote celebre dúas veces no día, e incluso, cando o eixe unha necesidade pastoral, tres veces os domingos e festas de preceuto (c. 905.2). A mera petición ou encargo particular dunha Misa, non é, en ningún caso, razón suficiente para a binación. Non está permitida a celebración de catro Misas a non ser co permiso especial da Santa Sé, aínda que se celebre en domingos ou festivos. “Enténdese que contan coa autorización do Prelado para binar nos dias feriados e para celebrar tres Misas os domingos e festivos de preceuto, tódolos sacerdotes con cura de almas que rexentan unha parroquia cun considerable número de fieis ou dúas ou máis parroquias, asimesmo, tódolos sacerdotes con cura de almas cando teñan de celebrar a Misa das vodas, exequias e aniversarios. En tódolos demais casos e sempre que se trate dunha cuarta Misa os días de preceuto, ha de solicitarse expresamente o oportuno permiso do Ordinario” (cfr. Decreto sobre a actualización dos Aranceis e Normas Litúrxicas, en BOA 1980, p.48). Ante a escaseza de sacerdotes, urxe unha organización máis racional do número e dos horarios das Misas nas parroquias e noutros lugares de culto, principalmente nas cidades e nas parroquias grandes con abundacia de clero, así coma unha meirande dispoñibilidade dos sacerdotes que non teñen ministerio parroquial ou outro compromiso semellante. Neste punto resulta de suma utilidade ler de novo os apartados b), c), d) da Disposición Transitoria das “Normas para a provisión do oficio parroquial” na nosa Diocese (cfr. BOA 1993, pp. 248-249). Convén regular aquelas Misas que non están xustificadas por un verdadeiro motivo pastoral ou que figuran como simple elemento integrante ou decorativo dalgunhas festas, máxime se as piden para seren celebradas fóra de lugar sagrado. c. Celebracións dominicais en ausencia do Presbítero. A Congregación para o Culto Divino publicou o 2 de xuño de 1988 un “Directorio para as celebracións dominicais en ausencia de presbítero”. A carencia de sacerdotes, sobre todo no mundo rural, motivará que se vaia implantando esta modalidade pastoral, que ten por finalidade facer un esforzo para que o domingo siga conservando o seu carácter sagrado e relixioso como Memorial do Señor Resucitado. Naquelas zonas onde sexa necesario establecer estas Celebracións, o sacerdote responsable acudirá ó Bispo diocesano para recibi-las oportunas instruccións. Os párrocos non teñen facultades para establecer pola súa conta estas Celebracións. “Para anima-las mencionadas celebracións o fiel non ordenado deberá ter un mandato especial do Bispo, quen determinará as oportunas indicacións acerca da duración, lugar, as condicións e o presbítero responsable” (Cfr. Instrucción sobre algunhas cuestións encol da colaboración dos fieis laicos no sagrado ministerio dos sacerdotes, Art. 7). d. Misas colectivas ou plurintencionais. No BOA correspondente ó mes de abril do ano 1991, pp. 160-164, inclúese o Decreto promulgado pola Congregación do Clero o 22 de Febreiro de 1991 sobre as denominadas “MISAS COLECTIVAS”. De conformidade con este Decreto disponse: 1) Estas Misas colectivas soamente se poden celebrar dous dias cada semana na mesma igrexa, indicando publicamente o lugar e a hora da celebración. 2) Os fieis deben estar previamente advertidos desta acumulación de intencións e de estipendios, e manifestaren eles mesmos a súa conformidade. 3) O sacerdote que celebre a Misa aplicándoa simultaneamente por diversas intencións e teña recibido unha ofrenda dos fieis por cada unha delas, soamente deberá percibir como estipendio a cantidade sinalada na Diocese para as chamadas Misas manuais, que na actualidade son 900 pts. A cantidade restante será remitida ó Fondo Común Diocesano de Bens, que a distribuirá da seguinte forma: o 50% para ingresar na Colecturía Diocesana e o outro 50% para os fins específicos do FCDB 4) A teor do art. 5 do citado Decreto, aqueles sacerdotes que reciben gran número de ofrendas para intencións particulares e que non as poden cumprir persoalmente dentro do ano, en lugar de rexeitalas (e podemos dicir tamén, en vez de forza-la acumulación de intencións), frustrando así a pía vontade dos oferentes e apartándoos do seu bo propósito, debenllelas pasar a outros sacerdotes. Isto requerirá a oportuna advertencia do crego e a libre aceptación dos fieis. 5) “Ós Bispos diocesanos, principalmente, incumbe o deber de dar a coñecer con prontitude e claridade estas normas ós cregos tanto do clero secular como do relixioso, pois son obrigatorias para todos e deben preocuparse de que sexan observadas” (Art. 6). Finalmente, a debida coordinación pastoral da zona reclama que a celebración destas Misas colectivas non se implante sen estudiar seriamente a cuestión cos párrocos e rectores de igrexas do arzciprestado. Recoméndaselles ós Srs. Arciprestes axuden a cumprir fielmente o determinado no Decreto da Congregación do Clero. e. Estipendio das Misas binadas e trinadas. Pódese recibir estipendio pola Misa que se celebra ou concelebra (c. 945.1). Hase de aplicar unha Misa distinta por cada intención (c. 948). Nesta materia hase de evitar incluso a máis leve aparencia de comercio (c. 947). Tan só pode reservar o sacerdote para si un estipendio no dia, a excepción do dia de Navidade (c. 951.1.). A Igrexa, pois, non só aproba senón que “promove a práctica do estipendio” (Pablo VI, Firma in traditione, de 13 de xuño de 1.974). O sacerdote que celebra máis dunha misa, aplicándoas por estipendio, só pode quedar con un, e debe destina-los demais ós fins determinados polo Ordinario (c. 951.1). De conformidade coas normas diocesanas, os estipendios das Misas binadas e ternadas, débense entregar na Curia Diocesana onde se destinarán ó Fondo Común Diocesano, de conformidade co artigo 3.d) do Regulamento (cfr. BOA 1983, p. 341). Asimesmo, por razóns de molestias e gastos de desprazamento, pódense quedar co 50% de cada un destos estipendios os párrocos e cregos que teñan que celebrar unha segunda ou unha terceira Misa en parroquia distinta da localidade de residencia. Por unha segunda misa concelebrada non se pode recibir estipendio baixo ningún concepto. (c. 951.2). f. Misas vespertinas e actividades pastorais. O c. 1248.1 dispón: “Cumpre o preceuto de participar na Misa, quen asiste a ela, onde se celebre nun rito católico, tanto o día da festa como o día anterior pola tarde”. Ampliando o espacio temporal que ofrece o c. 202.1 (segundo o cal o día conta desde a medianoite á medianoite), o calendario romano lémbranos que “a celebración do domingo e das solemnidades empeza na tarde do día anterior”. Para axudar a concretar cando se pode chegar a considerar ese tempo vespertino, o “día anterior pola tarde”, a comisión redactora do vixente CIC manifestou: “Expresamente emprégase unha fórmula xeral para evitar casuísmos e ansiedades. Con toda certeza cúmprese co preceuto mediante a participación en calquera Misa do sábado pola tarde” (cfr. Relatio, 227). Lémbraselles ós sacerdotes que, inculcando ós fieis a garda e conservación do sentido sagrado do domingo, ofrézanllesno sábado a celebración da Misa propia do domingo ou do día festivo, coa homilía e a oración dos fiéis, dándolle o ton festivo que relembre o domingo. Certamente resulta difícil de comprender que as Misas celebradas nas “horas do mediodía e inmediatamente despois” poidan ser consideradas como celebradas “o día anterior pola tarde”. A nosa Diocese ten unha moi fermosa e rica tradición catequética. Na memoria de tódolos sacerdotes diocesanos están os nomes de beneméritos catequetas que nos serven de estímulo. Por iso, coa finalidade de poder atender á celebración digna das Misas vespertinas e vigoriza-la formación catequético-relixiosa de tódolos membros do Pobo de Deus, así como atender a moitas outras actividades pastorais (reunións de grupos, ensaios, etc.), é necesario deixar libres as tardes dos sábados non ocupándoas con aniversarios ou actos similares celebrados coa asistencia de cregos de fóra da parroquia, para que uns e outros se poidan dedicar ás actividades sinaladas. 1.4. CELEBRACIONS CULTUAIS E LITURXICAS EN LINGUA GALEGA É necesario que os sacerdotes sexan sensibles de cara á progresiva incorporación da lingua galega na liturxia e que non só acollan ben as peticións que poidan presentar os fieis, senón que, adiantándose, sexan eles quen ofrezan a posibilidade de te-las celebracións en lingua galega, realizando un serio esforzo para que os fieis poidan coñece-las partes dialogadas e así participen no culto cunha meirande incorporación. Para xeral coñecemento, relaciónanse seguidamente o estado das edicións litúrxicas en galego. Estado das edicións litúrxicas en galego. - Deica hoxe foron publicados os seguintes libros litúrxicos e subsidios para a liturxia: Misal Romano Misal Romano (Edición en tamaño máis manual) Misal Romano. Propio das Dioceses de Galicia. Ritual do Bautismo de nenos. Ritual
da Confirmación. Ritual
das Exequias. Cantoral
para a celebración das Exequias. Ritual
para os ministerios do Lector e do Acólito. Ritual
do Matrimonio. Ritual
das Ordenacións. Directorio
e ritual para os Ministros Extraordinarios da Eucaristía. Cantoral
Litúrxico Galego. Dez anos de encontros de música relixiosa en
Pontevedra. (Casettes, Partituras, Letras) Leccionario
I. Ciclo A. Leccionario
I. Ciclo B. Leccionario
I. Ciclo C. Leccionario II. Feiras de Adviento, Cuaresma e Pascua. Leccionario II. Feiras do tempo
ordinario. Diurnal. Oración dos fieis. -
Nestes momentos recibiron a súa aprobación por parte da Congregación
para o Culto Divino e Disciplina dos Sacramentos e ultímase a edición
dos libros: Leccionario III. Propio dos Santos. Leccionario III. Misas rituais, votivas e por algunhas necesidades. - Están en
proceso de preparación: Ritual da Unción e pastoral dos enfermos. Ritual da Penitencia. Celebracións dominicais en ausencia de presbítero. Bendicional. 1.5. Abandono da Igrexa Católica. Cando un párroco reciba unha comunicación formal e suficientemente acreditada dun fregués notificándolle o seu abandono da Igrexa Católica ou pedíndolle “que o borre do libro de Bautizados”, remitirá esa comunicación á Vicaría Xeral do Arcebispado. Desde esta enviarase fotocopia á parroquia de bautismo para a súa debida conservación no Arquivo Parroquial e daranse as oportunas disposicións para que quede constancia dese abandono. Como a pertenza a Igrexa é unha opción libre, en virtude dese abandono o bautizado rompe a plena comunión coa Igrexa Católica e mentres estea nesa situación non poderá acceder ós Sacramentos e Sacramentais; tampouco non poderá ser padriño ou madriña en bautismos e confirmacións; para contraer matrimonio con persoa católica necesitará licencia do Ordinario, e no seu falecemento non contará con exequias eclesiásticas, a non ser que antes da morte teña dado algún sinal de arrepentimento; asimesmo, non poderá ser admitido validamente nunha asociación oficial da Igrexa Católica. 2.1. Xubilación dos sacerdotes. Por Acordo da Asemblea Plenaria da Conferencia Episcopal Española, do mes de novembro de 1994, os sacerdotes diocesanos que teñan cumpridos 65 anos de idade e reúnan os requisitos regulamentarios que contempla a vixente lexislación poderán solicita-la xubilación civil, acolléndose ós beneficios do Réxime da Seguridade Social do Estado. Esta xubilación civil obtida ós 65 anos non conleva a xubilación canónica, á que se accederá unha vez cumpridos os 75 anos, momento no que, di o Art. 3 do devandito Decreto Xeral da Conferencia Episcopal Española: “A xubilación canónica dos presbíteros procederá segundo a lexislación prevista no c. 538,3 para os párrocos”. Cando haxa de mediar proposta do Ordinario para que a Administración Pública proceda ó nomeamento dun sacerdote para o servicio dalgunha actividade docente ou de convenio administrativo, esa proposta non se fará se o sacerdote ten cumpridos os 65 anos. 2.2. Visita arciprestal Disponse que os Srs. Arciprestes fagan a Visita Arciprestal ás parroquias do seu distrito durante o primeiro semestre de 1998, remesando á respectiva Vicaría Territorial un informe do estado do arquivo parroquial e da vida pastoral de cada unha das freguesías. As parroquias das que son titulares os Sres. Arciprestes serán visitadas polo Sr. Vicario Episcopal Territorial respectivo. Preténdese que a visita vaia máis alá dun mero formulismo; para iso tratarase de coñece-la vivencia pastoral da parroquia e a súa inserción no Plano Pastoral Diocesano. Na Asemblea celebrada a fins de setembro do pasado ano entregóuselle a cada Sr. Arcipreste un folleto titulado “Misión e tarefas do Arcipreste”. No Anexo incorpórase un esquema dos puntos que debe ter en conta a devandita visita. 2.3. Arquivos parroquiais Encaréceselles ós encargados e responsables dos arquivos parroquiais, se esmeren en prestárlle-los coidados axeitados para evita-la perda ou destrucción dos libros ou documentos obrantes nos mesmos, así como ter ó día as anotacións e asentos. O ano 1977 dispuxérase que se fosen concentrando no Arquivo Histórico Diocesano os arquivos parroquiais cos libros e documentos anteriores ó ano 1.900. (cfr. BOA 1975, pp. 225-226; ano 1976, pp. 435-437; ano 1977, p. 536). É de todos coñecido que cada vez son máis as parroquias que non teñen sacerdote residente e que, por unha parte as rectorais deshabitadas carecen das necesarias medidas de seguridade, e por outras as recorais habitadas non sempre dispoñen de espacios apropiados para concentrar alí os diversos arquivos que ten ó seu cargo o sacerdote. Para remediar esta situación, nos próximos meses levarase a cabo unha campaña coa finalidade de incorporar ó Arquivo Histórico Diocesano os libros e documentos anteriores ó ano 1900 existentes nos arquivos parroquiais. Nestes testemuños documentais temos un patrimonio que prioritariamente é do pobo cristián, pero que tamén ten a súa incidencia na sociedade civil. Axudando a conserva-lo recibido, seguimos facendo presente a memoria histórica. Nos
arquivos parroquiais, a teor do c. 535, procurarase coidar con esmero os
libros parroquias de bautizados, de matrimonios e de defuntos, debendo o párroco
ou encargado do arquivo facer con dilixencia as anotacións prescritas nos
cc. 877.1, 895, 535.21, 1121, 1182. Ós libros anteriores débeselles
engadir por dereito particular: libro de culto e fábrica, de inquilinato,
de confirmados, e de confrarías, así como copia dos documentos que
acreditan a titularidade dos bens. Tamén se conservarán os expedientes
relativos á celebración dos sacramentos, licencias
para dar sepultura en cemiterios parroquiais, relación de expedición dos
títulos de usufructo para sepulturas subterráneas e/ou para panteóns aéreos.
Igualmente cómpre lembra-la obriga de conserva-los Boletíns Oficiais do
Arcebispado e encadernalos axeitadamente. As parroquias que non teñan
sacerdote residente non recibirán a partir de agora o Boletín Oficial do
Arcebispado. Lémbraselles ós encargados dos Arquivos Parroquiais a obriga de asentar nos libros correspondentes as partidas sacramentais, procurando facelo con pluma e tinta indeleble, con letra clara e fidelidade nos datos. O feito de non asenta-las partidas nos libros ou deixando constancia dos datos soamente no ordenador, é un grave incumprimento dunha parte do Ministerio Parroquial e pode ademais causarlles ós fieis serios prexuízos. Os Sres. Arciprestes vixilarán con frecuencia o cumprimento desta disposición. 2.4. Expedición de certificacións, informes, etc. O sacerdote encargado do arquivo parroquial é o responsable de velar polo coidado dos libros e documentos obrantes no mesmo, así como de acreditar axeitadamente a expedición das certificacións e informes solicitados por persoas interesadas. Desde hai algún tempo constátase como unha “delegación” desta responsabilidade administrativa en persoas que non están debidamente acreditadas nin son suficientemente coñecidas na Curia Diocesana. A firma dos documentos expedidos debe ser cometido específico do sacerdote responsable do arquivo; se ten un laico en funcións de secretario, deberá comunicarlle á Curia os datos identificativos e a rúbrica que emprega usualmente. “Non fan fe as inscricións orixinais non firmadas, os testemuños ou certificacións non expedidos con firma e selo, nin as copias non corformadas nin visadas” (cfr. Tomás Muníz Pablos, Procedimientos Administrativos 111, Sevilla 1926, p. 300). 2.5 Instituto de Sustentación dos Clérigos (ISC) A aplicación á nosa Diocese das disposicións previstas nos cc. 1272 e 1274.1 do vixente CIC, referente ós Igrexarios e outros bens afectados ó sustento dos cregos ó servicio da Diocese conlevará unha transformación radical da forma usual de como vimos actuando desde tempo inmemorial. Estes canons, en sintonía cos principios do Concilio Vaticano II, introducen profundas innovacións ó transcenderen o chamado “sistema beneficial” en favor dunha concepción ministerial dos sacerdotes. Na vixente normativa canónica rómpese o nexo que tradicionalmente existía entre o oficio canónico e o dereito a percibi-las rendas anexas ó oficio polo dote. Hoxe ningún eclesiástico vive do que renda o beneficio, senón que vive do que se lle retribúe como contrapartida á prestación do seu servicio ministerial. As rendas orixinadas polos bens beneficiais están destinadas a complementa-la graficación que se lles pasa ós sacerdotes para constituí-la remuneración congrua dos clérigos ó servicio da Diocese. As experiencias levadas a cabo na nosa Diocese durante os pontificados de Mons. Don Angel Suquía Goicoechea e de Mons. Don Antonio María Rouco Varela, coas denominadas “explotacións económicas modernas”, necesitan ser retomadas e ser aplicadas ó conxunto dos bens que teñen como función axudar ó sostemento dos cregos, de xeito que se manifeste a solidariedade entre as institucións e as persoas. As reformas feitas enmárcanse dentro dos criterios que contempla o “Segundo Decreto Xeral da Conferencia Episcopal Española sobre Normas Complementarias ó Novo Código de Dereito Canónico” (Cfr. BOCEE 2, 1985, pp. 6065) e restante normativa emanada da mesma. A acomodación da nosa praxe tradicional á normativa canónica vixente foi estudiada polo Consello Presbiteral ó longo de diversas sesións perante os anos 1997 e 1998, propostas que foron sancionadas polo Arcebispo, Mons. Don Xulián Barrio Barrio, en Decreto asinado o 18 de novembro de 1998, complementadas logo por outro Decreto asinado polo Arcebispo o 26 de xaneiro de 1999 (cf. BOAS decembro 1998, pp. 645-660, e BOAS xaneiro 1999, pp. 36-43). Mentres esta nova Normativa vai sendo aplicada (isto conleva analiza-la natureza xurídica dos bens tradicionalmente afectados ó sostenimento dos clérigos), pídeselles ós párrocos e responsables de parroquias coiden adecuadamente as documentacións e escrituras dos bens inmobles e mobles, impidan a introducción de servidumes; vixilen a defensa das augas de regadío e das traídas das rectorais, estean atentos á lexislación sobre os arrendamentos e procuren ter ó día os contratos de aluguer ou arrendamento; presten especial atención cando se elaboren as Normas Urbanísticas nos respectivos Concellos, etc. 2.6. Intervencións en cemiterios parroquiais. Con relación á problemática que se está presentando nestes cemiterios, é necesario que os señores curas con cargo parroquial relembren os seguintes aspectos da vixente lexislación: 1.- Lexislación canónica. Está contida nos cc. 1240-1243 do vixente Código de Dereito Canónico e nas Normas Xerais sobre cemiterios parroquiais da Diocese de Santiago de Compostela (cfr. BOAS, 1981, 290-295). Resúmese o máis principal: a) Para que un cemiterio poida te-la condición de cemiterio parroquial católico debe cumpri-los seguintes requisitos: que o terreo sexa propiedade da Igrexa Católica; que reúna as condicións esixidas tanto pola lexislación canónica como pola civil vixente en cada momento; sexa administrado, coidado e conservado baixo a vixilancia da Igrexa. b) Non se autorizará a construcción ou ampliación dun cemiterio parroquial en terreos de propiedade de persoas, institucións ou asociacións distintas da Igrexa parroquial ou diocesana. Tampouco non se autorizará a construcción dun cemiterio parroquial en terreos cedidos por testamento ou con promesa de entrega ou en masas comúns procedentes da Concentración Parcelaria ou similares, mentres a Igrexa non adquira a plena posesión dos mesmos. Asimesmo non será autorizada a construcción de panteóns ou de sepulturas soterradas en terreos particulares, anexos ó cemiterio, co fin de incorporalos posteriormente. c) A administración dos cemiterios parroquiais correspóndelle ó Párroco, asistido polo consello parroquial de economía. A asesoría técnica é competencia da Delegación Diocesana de Economía e da Comisión de Arte Sacra. O párroco e o consello parroquial darán as oportunas orientacións para a conservación e o coidado dos cemiterios, determinando as aportacións económicas dos propietarios de panteóns. d) Para a construcción, ampliación ou reforma dun cemiterio parroquial requírese a licencia escrita do Ordinario, previos os trámites que contempla o art. 13, apartados 2 e 3, das Normas Xerais da Diocese. e) A concesión de títulos de usufructo axustarase ós arts. 15-18 das Normas Xerais da Diocese. As solicitudes serán firmadas directamente polos propios interesados; esta esixencia administrativa trata de evitar ulteriores reclamacións, como, p.e. “que o párroco non transmitiu axeitadamente a petición do solicitante”, etc. No informe, o sacerdote encargado do cemiterio parroquial especificará o número da parcela que se constrúe, e elaborará, se non o ten xa presentado na Curia, un sinxelo plano do cemiterio no que se detallen as parcelas ocupadas, as edificables, e as que deben quedar libres. f) Cando a construcción ou ampliación do cemiterio se leve a cabo en terreos pertencentes a fincas do igrexario, o importe dos solares dos panteóns e/o das sepulturas soterradas pasará ó Instituto para o sostemento dos cregos e non á fábrica do templo. 2.- Lexislación Civil.-Na actualidade esta Lexislación está contida no Decreto 134/1998, do 23 de abril, sobre policía sanitaria mortuoria, provinte da Consellería de Sanidade e Serivios Sociais (cfr. Diario Oficial de Galicia (D.O.G) do 11 de maio de 1998. Tamén convén prestar atención á Lei 8/1995, de 30 de Outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia (cfr. D.O.G. de 8 novembro de 1995) e ás Normas Complementarias e Subsidiarias do Planeamento das Provincias de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra (cfr. D.O.G. de 19 xuño de 1991, especialmente o Art. 30.2.b). 2.1.- Artigo 51 do devandito Decreto: “Documentación de expedientes para a autorización de nova construcción e ampliación de cemiterios. 1.- Os expedientes para a autorización de nova construcción e ampliación dos cemiterios serán instruidos polos concellos. O expediente deberá contar coa seguinte documentación: a) Instancia da entidade propietaria. b) Lugar de radicación. c) Informe urbanístico favorable do Concello. d) Autorización da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, nos supostos en que esta sexa preceptiva, de conformidade co disposto no Artigo 74.4º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia. e) Informe xeolóxico favorable dos terreos, profundidade da capa freática, dirección das correntes de augas subterráneas, permeabilidade do terreo e demais características que acrediten que non hai perigo de contaminación de ningún establecemento de auga. f)
Memoria e planos suscritos por técnico competente nos que se farán
consta-la extensión e capacidade previstas, distancia mínima en líña
recta a construcción existente mais próxima óu terreo urbanístico apto
para ela, comuniación coa zona urbana, distribución de distintos
servicios, recintos, edificios e xardíns, e clase de obra e materiais que
se han de empregar nos muros de cerramento e nas edificacións). O Artigo 54 di: “Proxecto de ampliación. Para a aprobación dun proxecto de ampliación dun cemiterio existente teranse que observa-los mesmos trámites e condicións que para os de nova construcción, excepto no referente á distancia prescrita no Artigo 47 para aqueles cemiterios autorizados antes da entrada en vigor do presente Decreto, da que quedan eximidos, así como do establecido no punto d) do Artigo 51. Respecto dos exceptuados emitirá informe preceptivamente a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”. Pola súa parte o citado Artigo 47 refírese á “Zona de protección: Arredor do solo destinado á construcción dun novo cemiterio establecerase como zona de protección una franxa de 50 mts. de largo totalmente libre de todo tipo de construcción, medida a partir do peche exterior do cemiterio”. O Artigo 63 contempla nos seguintes términos o referente ó “Libro Oficial” dispoñendo: “Os lugares especiais e os cemiterios de tales características, en virtude das licencias legais correspondentes, disporán dun libro oficial onde se inscribirán os datos que se determinen regulamentariamente” 2.2.-
A Administración civil entende por AMPLIACIÓN dun cemiterio : “A extensión
fóra dos seus muros de peche, con inmediatez física deles, ou o aumento
do número total de sepulturas previstas no proxecto inicial” 3.- Anotación dos enterramentos nos libros sacramentáis da parroquia. Para seguir conservando a fiabilidade histórica dos nosos libros sacramentáis, é necesario que o Sr. Cura rector da freguesía inscriba no libro de defuncións os enterramentos dos seus fregueses, deixando constancia no asentamento ou partida se o sepelio tivo lugar no cemiterio parroquial, ou no cemiterio municipal, ou no cemiterio veciñal (caso de existir tamén na parroquia estes últimos). Igualmente quedará constancia de todos aqueles enterramentos de fiéis católicos provintes de outras parroquias e que reciban sepultura ben no cemiterio parroquial ou ben en cemiterios propios de algunha outra entidade (p.e., Concello, Asociacións, etc.), sempre que as familias afectadas fagan a pertinente comunicación de datos. 2.7. Conservación do Patrimonio Cultural da Igrexa. Ó longo dos séculos, e dentro das súas posibilidades económicas, a Igrexa, creou, conservou e transmitiu un valioso Patrimonio Cultural, certamente ó servicio da Fe Cristiá, pero tamén aberto ós valores da Arte, da Cultura, da Historia, etc. Desde hai anos, as Autoridades Civís, os expertos e a sociedade en xeral séntense tamén motivados para que ese Patrimonio poida ser conservado e ofrecido á consideración do pobo. Por este motivo, recórdaselles os cregos encargados da súa custodia que non procedan á realización de reformas ou de restauraións sen o debido asesoramento técnico dos Organismos competentes e a preceptiva autorización diocesana. Cando sexa necesario recadar informes e/ou licencias da Consellería de Cultura para as intervencións que se teñan que levar a cabo, a tramitación farase desde a Comisión Diocesana de Arte Sacra ós Organismos competentes da Xunta de Galicia. Tanto a lexislación canónica coma a civil tratan de protexer este Patrimonio e relembran a seria responsabilidade dos encargados da súa custodia. 3.OUTRAS DISPOSICIONS ANTERIORES · Matrimonios Mixtos: Motu Proprio do papa Paulo VI polo que se establecen Normas sobre os matrimonios mixtos, de 31 de marzo de 1970 (BOA 1970, pp. 256-264) e Normas da Conferencia Episcopal Española sobre esa mesma materia (BOA 1971, pp. 82-88). · Decreto sobre actualización dos Aranceis Diocesanos e Normas Litúrxicas (BOA 1980, pp. 43-50). ·
Presentación
do Directorio de Pastoral Familiar (BOA 1981, pp. 235). Este Directorio
foi publicado en separata. ·
Decreto
sobre Cemiterios Parroquiais (BOA 1981, pp. 290-295). ·
Nota da
Vicaría Xeral sobre o Bautismo de nenos (BOA 1982, pp. 107-108; véxase
tamén “Instrucción sobre o Bautismo dos nenos” da Congregación para
a Doutrina da Fe, de 20 de outubro de 1980, en BOA 1981, pp. 30-42. ·
Regulamento
do Fondo Común Diocesano de Bens (BOA 1983, pp. 339-346). ·
Circular
do Ministerio de Xustiza sobre duplicidade de matrimonios (BOA 1986, p.
82). ·
Directorio
Diocesano de Confirmación (BOA 1987, pp. 531-547). ·
Celebracións
Litúrxicas en Sábado Santo (BOA 1989, p. 77). ·
Normativa
diocesana sobre fotografías nos actos de culto (BOA 1990, pp. 432). ·
Trámite
de asuntos na Delegación Diocesana de Economía (BOA 1990, pp. 248-249; véxase
tamén BOA 1980, p. 690). ·
Normas
para a provisión do Oficio Parroquial
na Arquidiocese de Santiago de Compostela (BOA 1993, pp. 238-264). ·
Documentación
Canónica para a admisión á Primeira Comunión (B.O.A. 1996, p. 281) ·
Decreto
de homologación de títulos de párroco (BOA 1994, pp. 467-468). ·
Nota
sobre cuestacións nos templos (BOA 1996 p. 281). ·
Expediente
matrimonial e partida de Bautismo (BOA 1996, p. 682 e BOA 1997 p. 596). ·
Decreto
de Constitución do Instituto
Canónico para o Sostenimento dos Clérigos (BOA decembro 1998, pp.
645-660). ·
Celebración
do matrimonio canónico con extranxeiro/a (BOA decembro 1998, p. 663). ·
Decreto
de retribucións: Normativa diocesana para o ano 1999 en materia económica
(BOA xaneiro 1999, pp. 36-43). · Lexislación da Comunidade Autónoma de Galicia sobre Cemiterios (B.O.A. 1999, p.p. 619-632) e unhas aclaracións provintes da Vicaría Xeral (idem, p. 633) Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2001. Asdo./Víctor
B. Maroño Pena |