Boletin Oficial del Arzobispado de Santiago

Retroceder        Continuar

Carta Pastoral ós nenos e nenas da Archidiócese na 
Clausura do Ano Santo Romano. Xaneiro do 2000

Benqueridos nenos e nenas diocesáns:

Sempre é motivo de alegría encontrarme con vós na visita pastoral ás parroquias ou ós colexios. Outras veces teño a oportunidade de ver a algúns e saudarvos cando, acompañados dos vosos pais ou abós, participades na celebración da Eucaristía na Catedral que é a Igrexa de tódo-los que pertencemos a esta Arquidiócese de Santiago de Compostela.

Agora, cando acabamos de celebrar o Gran Ano Xubilar no que de maneira especial nos fixamos na encarnación do Fillo de Deus e agradecimos a salvación que Él realizou coa súa morte e resurrección, escríbovos para recordarvos que, a imitación de Xesús, cando vivía con San Xosé e a Virxe María en Nazaret, medredes «en estatura, en sabeduría e en gracia diante de Deus e mais dos honres» (Lc 2, 52).

Celebramos o 2000 aniversario do nacemento de Xesús. Agora comezamos o terceiro milenio do cristianismo. Neste século XXI de maneira especial vós estades chamados a ser portadores da alegría de haber encontrado a Xesús. Esta boa noticia habernos de comunicala ós demáis, coma o apóstolo Andrés o fixo co seu irmán Pedro, dicíndolle: «Encontrámo-lo Mesías (que quere decir Cristo)» (Xn 1, 40). Xesús segue presentándonos a través dos nenos a forma de recibir o Reino de Deus. Recordade o que lemos no Evanxeo de San Marcos: «Leváronlle uns nenos para que os tocase. Pero os discípulos rifábanlles. Mais a Xesús non lle gustou aquilo e dixo: Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo impidades, porque deles é o Reino de Deus. Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus, non entrará nel. E abrazounos e bendiciunos e impúxolle-las mans» (Mc 10, 13-16). O Señor bendícenos sempre. Constantemente habernos de dar gracias a Deus.

Uns xa fixestes a Primeira Comuñón, outros estades preparándovos para facela. Anímovos a que participedes sempre na catequese -tamén Xesús estivo no Templo- e elixades as clases de Relixión católica porque todo eso vos axudará a coñecer mellor a Xesús e a educarvos na fe que temos recibido. Desta forma seredes seus testigos na familia, na escola, no deporte, en tódalas partes. Para Él sodes moi importantes, pois dirá: «Se non cambiades e non vos facedes coma nenos non entraredes no Reino dos Ceos» (Mt 18, 3).

Benqueridos amigos, hoxe quero decirvos tamén que conto coa vosa colaboración na tarefa que me foi encomendada como Pastor da Diócese. Encoméndovos que na vosa oración pidades para que tódolos diocesanos vivamos con esperanza o compromiso da fe, que as familias cristianas sexan unha comunidade de vida e de amor como a Sagrada Familia, que aumenten as vocacións ó sacerdocio e á vida relixiosa e que tódolos mozos e mozas teñan as condicións adecuadas para ir crecendo humá e espiritualmente.

Cos mellores desexos saúdavos con todo afecto e bendice no Señor.

O Voso Arcebispo
> Julián Barrio Barrio