|
Boletin Oficial del Arzobispado de Santiago |
||
4. CARTA PASTORAL ÓS XOVES DA ARQUIDIOCESE NA CLAUSURA DO ANO SANTO ROMANO. ENERO DE 2001Benqueridos e benqueridas xoves: Diríxome a vos co ánimo de facervos partícipes das preocupacións e esperanzas que vive a nosa Igrexa diocesana. Acabamos de celebra-lo Gran Xubileo do ano 2000. Coma o Papa dixo, «a Porta Santa cérrase, pro a Porta viva, Cristo, seguirá aberta». Para todos este acontecemento xubilar foi unha intensa experencia de fe que non debemos botar en saco roto. No medio das non poucas zozobras que vivides no voso interior, no ámbito familiar e na realidade social e cultural deste momento histórico, anímovos a coidar a vosa educación na fe a través da participación na catequese e das clases de Relixión católica, e a reafirmar día a día a vosa adhesión a Cristo, expresada na oración e na participación da Eucaristía. Afondar o coñecemento de Cristo e do seu Evanxeo axúdanos a dar resposta a tantos interrogantes que se nos presentan na busca do sentido da nosa vida. Moitos de vós estades preparándovos para recibir o sacramento da Confirmación, outros xa o tendes recibido. Nalgunhas parroquias tiven o gozo de encontrarme xa con algúns de vós por este motivo ou por razón da visita pastoral. É un momento no que de maneira especial desexaría falar largamente das inquietudes que vos preocupan e que comentades entre vós mentras ides polo camiño da vosa vida, como facían os discípulos de Xesús, manifestando unhas veces a sua extrañeza e outras a súa admiración sobre a mensaxe que lle oían. Así naquela ocasión en que lles dixo: «Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan vivirá para sempre; e o pan que eu darei é a miña carne, para a vida do mundo» (Xn 6, 51), criticárono decindo: «¡Que dura é esta doutrina! ¿Quen pode admitir tal cousa? (Xn 6, 60). Noutro momento en que Xesús preguntou ós doce que lle seguían máis de cerca, «¿Tamén vos queredes irvos? Simón Pedro respostoulle: Señor ¿a quén iríamos? As túas palabras dan vida eterna. Nos cremos e sabemos que ti es o Santo de Deus» (Xn 6, 67-68). ¿Non vos pasa tamén a vós o mesmo nalgunhas ocasións cando oídes a mensaxe de Xesús e as ensinanzas da Igrexa,fundada por Él? As veces sentídesvos incómodos. Pero a resposta de Pedro é moi orientadora. Quero recordarvos de maneira especial a chamada á santidade que o Señor nos fai a todos. «A santidade, como escribe o Papa, é intimidade con Deus, é imitación de Cristo, pobre, casto e humilde; é amor sen reservas ás almas e entrega ó seu verdadeiro ben; é amor á Igrexa que é santa e quérenos santos porque é a misión que Cristo lle confiou. Cada un de vós debe ser santo tamén para axudar ós irmáns a seguir a súa vocación á santidade». Na amencida deste terceiro milenio do cristianismo, dame unha gran confianza facervos partícipes dunha preocupación, entre outras, que teño presente na miña oración tódolos días. Esta preocupación é a escasez de vocacións á vida relixiosa e ó sacerdocio. Toda vocación cristiana é un don de Deus. A vocación sacerdotal é don inefable do amor de Deus ó home. «Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a vós» (Xn 15, 16), díxolles Xesús ós seus apóstolos. Xa sei que encontrades non poucas dificultades á hora de decidirvos, pero non fagades oídos xordos á chamada do Señor que vos dí: «Ven e ségueme» (Mt 19, 21). Hoxe, fágome eco desta chamada para vós. A Igrexa espera a vosa resposta. Falade cos vosos sacerdotes, cos vosos pais e cos vosos catequistas sobre as cousas de Deus na vosa vida. Despídome de vós, pedíndovos que consideredes atentamente estas palabras do apóstolo San Xoán: « Díxenvos, por tanto, mozos, que vós sodes valentes, que a Palabra de Deus está dentro de vós, e que por isto vencéste-lo maligno. Non lle queirades ben ó mundo -as inclinacións ó mal, os ollos que endexamais nunca se enchen e o orgullo que dá ter moitos cartos- non ven do Pai, senón que ven do mundo. Porque o mundo pasa e as súas cobizas tamén, pero quen cumpre coa vontade de Deus, permanece para sempre» (1 Xn 2, 14-15). Tamén eu espero a vosa resposta e conto ca vosa axuda e oración na misión que me foi confiada, coa colaboración do Sr. Bispo Auxiliar, ó servicio desta Igrexa que peregrina na Arquidiócese compostelá. Cos mellores desexos, saúdavos con todo afecto e bendice no Señor. > Julián Barrio Barrio, |