![]() |
DELEGACIÓN PASTORAL FAMILIAR ASAMBLEA 2004 -CONFERENCIA- D. ANDRÉS GARCÍA VILARIÑO |
| Delegación Pastoral Familiar de Santiago de Compostela |
Educar tamén é evanxelizar
(Monte do Gozo, Santiago 17/04/2004)
Andrés García Vilariño
· Presentación do tema
· Cómo educamos na familia? Explicar o interrogante.
Nacidos para aprender
Aprendemos sempre, tamén o que nos impide aprender
Educar, en principio, é querer educar.
· O cambio socio-cultural e a familia
Da familia patriarcal ás variedades de familia.
A era da “infoxicación”
· O cambio na escola
A LOXSE. A “crise” da escola. A LOCE.
· Interrogantes e respostas sobre a educación familiar
As familias e valores de hoxe
A resposta educativa da familia – Campos de acción para a Pastoral familiar
· ser presentes
· ser referentes
· ser comunicadores
· ser aprendices
· ser amantes
· ser colaboradores da educación escolar.
Un home atopou un ovo de aguia. Colleuno e colocouno no niño dunha galiña de curral. A galiña chocou o ovo e a cría de aguia creceu coa rolada de pitos.
Durante toda a vida aquela aguia fixo o que facían os polos, coidando que era polo. Peteiraba na terra na procura do miñocas e vermes, piando e cacarexando. Tamén sacudía as ás e voaba uns pouquiños metros polo aire, como fan os polos. Despois de todo, ¿non é así como voan os polos?
Pasaron os anos e a aguia chegou a vella. Un día enxergou moi por riba dela, no límpido ceo, unha magnífica ave que arrandeaba elegante e maxestuosamente entre as correntes de aire, case sen mover as súas poderosas e douradas ás.
A vella aguia ollaba abraiada cara arriba. –“¿Qué é iso?-, preguntoulle á galiña que estaba onda ela.
-“É a aguia, o rei das aves”- respondeulle a compañeira. “Pero ti non penses niso. Ti e mais eu non somos coma ela”.
De xeito que a aguia non volveu cavilar no asunto.
E morreu coidando que era unha galiña de curral.
(A. de Mello, El canto del pájaro, Santander 198711)
===
Libros recomendados:
· Para o diálogo da parella ( e na familia):
A.López Caballero, Todos podemos ser mejores padres, Ed. CCS, Madrid 2001
· Para a educación relixiosa dos nenos:
M Zattoni e G. Gellini, Hablar de Dios a los niños, Sal Terrae, Santander 1999.
· Para mellorar a formación relixiosa do adulto:
L. González Carvajal, Esta es nuestra fe, Santander
· Para achegarnos ó mundo dos adolescentes:
J. Elzo, El silencio de los adolescentes, Ed. Temas de hoy, Madrid 2000
· Para ter unha perspectiva xeral da familia en España
G. Pastor, La familia en España. Sociología de un cambio, Ed. Sígueme, Salamanca 2002
Educar tamén é evanxelizar[1]
· Saúdos, agradecementos, limitacións.
· Educar tamén é evanxelizar
Será necesario revisar qué entendemos por educación, por educación na familia, e que entendemos por evanxelizar.
A primeira palabra vai levar o peso grande nesta comunicación. A segunda entrará en escena case no remate.
¿Por que este tema nunha asemblea diocesana de axentes de pastoral familiar? Porque para o cristián que é testemuña e militante do reinado de Deus sempre é necesario volverse sobre a realidade cotiá máis próxima. Nela é onde o reinado está sendo sementado, onde agroma e crece. Podemos estarnos inventando campos de acción e de apostolado e estar descoidando a vida mesma. Será esta, a vida, a vida das familias, quen nos diga onde temos que estar os axentes de pastoral familiar, non as nosas pretensións de presencia social nin as nosas necesidades eclesiais de recuperar terreo, nin moito menos os nosos protagonismos exercendo titorías de asesoramento das parellas novas. Considero necesario que os axentes de pastoral familiar abramos os ollos e empecemos a pensar que a pastoral familiar non se pode reducir a organizar os encontros e catequeses coas parellas que solicitan o matrimonio sacramental.
1. Cómo educamos na familia? Explicar o interrogante.
Falamos de educar nun sentido algo máis axustado do que a simple transmisión cultural en xeral. Porque hai, como vemos unha chea de saberes e destrezas que se transmiten por pura necesidade de integración humana e familiar. Saberes e destrezas necesarios para a integración social dos individuos. Pero aquí preguntámonos por outra cousa. Queremos falar de educar para ser persoa, isto é, para o logro dun ser humano libre e responsable, autónomo, capaz de tomar decisións. Falamos de educar pensando en educadores que teñen esta intención e esta finalidade: pais, nais, avós e demais integrantes da familia. Non falamos de educación no sentido de mera transmisión de destrezas. Prescindimos aquí, por método, desa transmisión non pensada, non intencionada, practicamente mecanicista, das aprendizaxes para sobrevivir, para socializarse, para integrarse familiar e socialmente. Isto non quere dicir que todas esas actividades non se poidan nin deban facer coa atención e intención de educar positivamente ou que non formen parte dunha auténtica educación. Pero querémonos fixar na educación que apunta na dirección dos chamados valores, unha actividade educativa máis restrictiva e axustada, a educación feita con sentido, con obxectivos e finalidades precisas. Desta queremos falar aquí, pero abordarémola máis adiante.
Nacidos para aprender
Quede dito de entrada que tódolos humanos aprenden a comer, a camiñar, a chorar, a rir, a falar unha determinada fala, e tamén a cantar e bailar, sempre que crezan ó lado de humanos que comen, camiñan, rin, choran, falan, cantan e bailan.
Aprendemos sempre, tamén o que nos impide aprender
Pero apuntado quede tamén que a ausencia dunha educación intencional, ou dunha intención e atención educativas, non é propiamente unha des-educación ou carencia de educación, senón máis ben unha educación do deterioro das persoas, ou dito con máis exactitude, unha educación que lle fará difícil á persoa o ser capaz de aprender máis e mellor, de interrelacionar máis e mellor cos seus semellantes, de decidir máis e mellor con máis e mellor liberdade, de inserirse no seu entorno con máis e mellor confianza en si mesmo e nas súas potencialidades, de elaborar ou crear para si mesmo un proxecto de vida en vez de quedarse a mercede das decisións alleas. A posibilidade, en fin, de poder ser tamén máis feliz.
Educar, en principio, é querer educar.
Educar, logo, responde á intención máis ou menos explícita e lúcida de querer educar, de darlle ó ser humano de seu tan limitado as ferramentas da fala, das destrezas e das capacidades discursivas e lóxicas para ser dono de si mesmo e capaz de darse a outros, ó tempo que saberse non víctima senón suxeito dunha historia compartida cos seus concidadáns e señor da natureza.
O cambio socio-cultural e a familia
Da familia patriarcal ás variedades de familia.
Non entramos na descrición sociolóxica dos cambios operados nestes últimos trinta ou corenta anos na familia española, como xa viña pasando noutros países de Europa. A tradicional familia patriarcal deu paso a unha gran variedade de familias; os roles de pai e nai comparten máis responsabilidades domésticas e dedican tamén horarios amplos de traballo fóra do fogar; a inestabilidade dos matrimonios dá lugar á aparición de novos modelos de familias, as monoparentais, e tamén aquelas nas que pai e nai constrúen nova familia con fillos procedentes dun matrimonio anterior. Todas estas situacións afectan decisivamente ás pautas ou directrices educativas que se viven e aprenden no ámbito familiar. Abonda co apuntado para facérmonos conscientes da nova realidade plural de familias. Xa non existe un modelo de familia. Conviven moitos modelos. Entre estes vai abríndose paso, coma modelo que se reivindica, a familia de pais ou nais homosexuais.
Non deixa de ser paradóxico que no momento en que as persoas que deciden crear unha familia e o fan máis libremente e están menos condicionadas desde fóra por limitacións, presións, coaccións ou prexuízos, se multipliquen sen embargo as crispacións, as loitas e conflictos imprevistos.
¿Sempre haberá que pagar un prezo pola liberdade?
A era da “infoxicación”
Un segundo apuntamento. A sociedade da información ou do coñecemento, coa invasión omnímoda, tamén doméstica, das novas tecnoloxías e medios de comunicación, multiplicou o efecto “educador” do entorno social dos nenos. Entorno e efecto “educador” no que a familia corre o perigo de estar á marxe. Adoitábase dicir que os fillos adquiren os malos hábitos “na rúa”. Pero hoxe a rúa está na casa: nos cascos con que blindan a mente coas cancións da súa preferencia, no vídeoclip que ofrece modas e modelos para imitar, no programa de televisión e no chat ou na páxina de internet. Todo isto sen pararnos noutras influencias que van entrando nas novas xeracións a idades a cada paso máis novas[1]. Esta poderosa e inevitable maquinaria de imaxes e información, sempre caduca, sempre provisoria, sempre insuficiente, sempre esixente de impactantes novidades, dá lugar a que algúns denominen o momento presente como a “era da infoxicación”.
O cambio na escola. A LOXSE. A “crise” da escola. A LOCE.
A nova ordenación do Sistema Educativo, nacido da Loxse e aplicado desde 1990, coincidiu coa vórtice evolutiva das novas tecnoloxías, especialmente da información e da informática. A aplicación inmediata e progresiva dos novos criterios, fundamentalmente requerían un cambio de actitude nos docentes, pero non sempre foron ben aceptados, especialmente en Secundaria. Ademais, igual cá familia, a institución escolar queda afectada pola poderosa e xa inevitable influencia mediática e telemática, de xeito que as novas tecnoloxías e a “infoxicación” inciden con forza desatada nos mestres, nos alumnos, e nas metodoloxías e instrumentos didácticos e pedagóxicos. O que en principio debería supoñer un progreso e novas posibilidades introduciu na escola un momento crítico especial.
Todo isto, unido ó cambio socio-cultural que afecta ás familias, converxe neste sombrizo panorama educativo que estamos vivindo e que suscitou a intervención da Administración. Non nos podemos estrañar de que os gobernos se atopen comprometidos de cheo coas reformas educativas. Non hai moito o goberno do PP promoveu a reforma das humanidades en Secundaria, logo veu a Lei de Ordenación Universitaria para o ensino superior, despois a Lei da Calidade do Ensino. O novo goberno xa anunciou a intención de suspender a aplicación desta Lei, especialmente nos puntos referentes á designación de equipos directivos, ós itinerarios diversificados en Secundaria e á nova asignatura de Sociedade, Cultura, Relixión, que se introduciu como asignatura para todos con dúas versións, a non confesional e a confesional.
Estamos agora, no remate deste curso, na ambigua situación de suspensión ou aprazamento dunha Lei que pretendía ser correctora e que acaba sendo corrixida.
Interrogantes e respostas sobre a educación familiar
As familias e valores de hoxe.
Hoxe nas familias podemos constatar en xeral uns valores vividos ou imperantes que contraen tamén contravalores. Isto é que o que poidan ter de positivo implica, sen embargo, un lado negativo para a construcción e plenitude das persoas. Por exemplo:
· Tanto homes como mulleres somos máis autónomos e independentes, tamén nas relacións intrafamiliares. Somos máis sensibles (afectados) ós problemas colectivos, pero tamén máis individualistas na vida cotiá. (“Mi casa, mi misa y mi María Luísa”)
· Somos coñecedores de moitos datos e informacións, pero non sempre capaces de fixar criterios propios para seleccionar, clasificar e dixerir toda esa torrenteira
· Estamos informados de toda a actualidade (actualidade é o que acontece pero “contado”), pero expostos á manipulación dos poderes mediáticos.
· Estamos máis instruídos e ó tanto dos progresos científicos, pero non sempre posuidores do sentido da vida, da razón de ser da nosa existencia e polo tanto dos fundamentos da nosa esperanza.
· Somos inconmensurablemente ricos en múltiples relacións interpersoais, pero faltos de diálogo e de estabilidade nesa relación cos outros.
· Podemos multiplicar os medios (¡ai, o móbil!), os momentos e espacios de comunicación pero a comunicación fonda reséntese da falta de ámbitos para a confidencia, de confidentes que escoiten e compartan.
· Estamos moito máis liberados de tabús e represións sexuais, pero esa liberación exhibida e vivida con frivolidade e superficialidade, a sexualidade vivida coma realidade separada da construcción da persoa, está acarrexando nas parellas graves problemas de relación na intimidade, con moito sufrimento, frustración e, por riba, dificultades de comunicación e de novas violencias psicolóxicas e incluso físicas.
· Estamos incorporados de cheo nunha sociedade competitiva, dispostos a abrirnos paso para inmolar nos altares do consumismo e da evasión o noso tempo, o noso descanso, o noso crecemento interior, con tal de lograr un alto nivel de consumo (que non é calidade de vida), un alto nivel de éxito (que non é o logro da felicidade), un alto nivel incluso de aceptación no entorno (que pode ser “popularidade”, “simpatía” e palmadiñas no lombo, e festiñas, pero non equivale a amigos nin amizade).
· Vivimos de cheo unha cultura ambiental do éxito, pero as constantes da vida teñen moito de monótono, de sacrificio, e as expectativas soñadas déixannos debilitados, inermes, ante o fracaso, a doenza, a contrariedade.
En conclusión, enxergada esta complexa realidade en perspectiva de educación, poñendo os ollos nos nenos e nenas dos nosos fogares, vémonos na obriga de asumir que este pequeno receptor, o neno, a nena, está sometido a unha ventolada de emisores, que na súa pluralidade de procedencias, valores/contravalores transmitidos, distintas potencia e frecuencia, variada e dispar persistencia na emisión, inevitablemente obteñen un resultado de ineficacia educativa (excepto a confusión, como logro) e son un insoportable cúmulo de ruidos, interferencias e redundancias. É un axioma incontestable que a transmisión ou comunicación múltiple e confusa de varios emisores acaba sendo simplemente ineficaz. O receptor non é que aprenda moitas cousas desorganizadas, senón que aprende a ser desorganizado e vivir na confusión mental e na incerteza actitudinal: nin se comprende a si mesmo nin sabe qué facer.
A resposta educativa da familia – Desafíos para a Pastoral Familiar
Así descrita a situación, que presenta moitas sombras, pero se nos detemos na riqueza de valores da familia e das mesmas tecnoloxías ofrecen tamén moitas luces, a pregunta é: ¿cal é o papel dos pais – da familia- na educación dos fillos? Para nós, axentes de Pastoral Familiar, ¿que tarefas ou chamadas nos fai esta situación para situar aí o anuncio do reinado de Deus como esperanza e salvación?
De entrada todos sabemos a resposta: temos que reducir sombras e aportar luz. Aportar luz significa, en primeiro lugar, ser conscientes de que educar é transmitir valores asumidos, vividos, e en alta porcentaxe compartidos. A resposta empezará a ser máis complexa se nos queremos poñer todos de acordo no que é luz e no que é sombra (ideoloxía do pai e da nai, valores diferenciados e valores compartidos, e entre estes, a relixión). Xa, como militantes do reino, na perspectiva pastoral, tamén habería que fixar os criterios de evanxelización das familias. Poida que esteamos moi preocupados polo descenso de matrimonios canónicos e nada preocupados polos matrimonios canónicos asumidos sen madurez humana, sen coñecemento mutuo e tamén sen fe. [O matrimonio do Príncipe, unha oportunidade perdida de estima (eclesial) do matrimonio civil.]
Vou suxerir, nunha reducción forzada –espero que didáctica- seis referencias claves e suficientemente universais para pais e nais nesta hora.
1. Ser “presentes”
O traballo e as ocupacións profesionais non deben impedirlles ós pais estar no fogar. Moitos pais e nais actúan por delegación de presencia. Son outras persoas as que se encargan do que eles non fan persoalmente. Se realmente queremos que a educación dos fillos responda ó noso modelo de persoa, se queremos ter unha influencia educativa nos fillos, esta pasa pola presencia. Os nenos, nenas, teñen que constatar cada día que os pais “están” con eles.
Quero engadir aquí unhas palabras sobre a educación da fe na familia. Temos que recoñecer que en moitas familias hai ausencia -diría máis ben “deserción”- dos pais na educación relixiosa, e iso aínda estando moi presentes na vida e actividades dos fillos. Estendeuse a práctica de non intervir, de deixalos que crezan e “xa decidirán” -criterio, por certo, que non aplicamos noutras áreas importantes da súa vida- e hoxe son poucos os pais que rezan cos nenos, que lles falan de Deus e de Xesús. Moitos, non sei se “moitos”, pensan que cumpren suficientemente con “delegar” no colexio relixioso ou na catequese parroquial eses cometidos.
En cada persoa a fe pode vivirse con graos de fondura moi diversos. Así, a fe para uns é un legado herdado, para outros o froito da educación recibida, para moitos unha doutrina de referencia moral e de conducta, a pertenza e identificación cunha comunidade, un estilo de vida, uns ritos tradicionais, uns hábitos sociais do patrimonio cultural popular, a adhesión a un mestre ou guía espiritual, e tantas variantes máis. Para os máis sensiblemente crentes a fe é unha experiencia de vida, non simplemente un elemento máis senón unha experiencia única, conformadora e integradora da persoa, consistente na relación con Deus.
Por todo isto, en conformidade coa súa propia maneira de afrontar e vivir a experiencia relixiosa, é absolutamente necesario que as parellas, cando elaboran o seu proxecto de familia, igual que teñen que fixar, pactar entre os dous, os criterios da administración dos cartos, da planificación familiar, das relacións coas familias de procedencia, das tarefas domésticas, do tempo libre, dos criterios a seguir no caso de conflicto ou crise, tamén teñen que compartir un diálogo a fondo sobre esta cuestión: ¿Qué lugar ten a fe na miña vida? E xa que a vou compartir contigo, ¿Qué camiño de fe imos percorrer xuntos? Todos estes temas son, como vedes, o temario básico das catequeses prematrimoniais.
Nun segundo momento a parella terá que decidir sobre como educar a fe dos fillos e como acompañalos nesa transmisión.
Preciso será engadir aquí que aínda movéndonos no terreo amplo pero pouco definido das persoas crentes pouco practicantes, o espertar dos nenos á fe está vinculado á seguridade do amor, a sentirse querido. Hai dúas experiencias humanas básicas sobre as que o neno vai asentar a futura experiencia relixiosa explícita, no caso de que opte por ela: a confianza e maila esperanza. A confianza nace da seguridade de ser querido. A esperanza, da confianza contrastada e habitual de ser atendido sempre que o necesita.
Por iso, conclúo, estar presente na vida dos fillos ademais de irrenunciable para educar responsablemente, é tamén o primeiro fundamento da súa educación relixiosa. Pero, como veremos, non se reduce a isto.
Pregunta explícita para os axentes de pastoral familiar: ¿que podemos deseñar para axudar os pais a ser conscientes desta necesidade de facerse presentes na casa e de coidar a sensibilidade relixiosa dos fillos?
2. Ser “referentes”
O modo de proceder nas relacións interpersoais na casa: o cariño, o respecto, a delicadeza, a cortesía, a orde, o cultivo da formación (lectura, música, deporte), o exercicio da comunicación e o diálogo, todo iso, vivido como se vive no fogar, son o lenzo e mailo bastidor onde o neno vai combinando as cores da súa personalidade. Referentes non son as consignas disciplinarias, se quen as imparte non as cumpre ou simplemente as impón por ser adulto, forte, e berrar máis. Sen embargo incluso as incoherencias persoais son asumibles cando na familia se vive a experiencia do recoñecemento dos erros e o pedir perdón ou desculpas, así como a xenerosidade na comprensión e na reconciliación.
Moito poderiamos dicir aquí das nosas incongruencias respecto do consumo, dos celos e envexas, da práctica relixiosa, doutros hábitos de conducta.
Suxírolles a tódolos presentes un repaso a tódalas nosas rutinas e hábitos. Nenos e nenas identifícanse a fondo con esas actitudes habituais. Con certa inadvertencia, por non pararnos a revisarnos, podemos estar transmitindo ós fillos a importancia do café e da cervexa, o desinterese polas responsabilidades domésticas, o desprezo pola lectura e o cultivo persoal, e o aprezo supremo pola televisión, o consumo como forma de prestixio, cousas así. Os nenos non aprenden a vivir co que nós lles dicimos senón como nós vivimos.
Un conto >>> Cf. páx. 2
O contiño admite múltiples aplicacións prácticas. A mensaxe de fondo radica nesa experiencia tantas veces constatada na nosa vida e na vida doutras persoas de que quen non vive como pensa acaba pensando como vive. As traicións á nosa identidade acaban destrozando esta e revestíndonos doutra. Lógrase así unha especie de autofalsificación, debida á comodidade, ó cansazo, á irresponsabilidade, que se transmite na educación familiar, porque esa constante incoherencia é o valor vivido. Hai unha aparencia externa (moitas veces puramente verbal), de aparatosidade social (primeiras comuñóns, p. ex.) –a forma de aguia- e hai unha realidade cotiá – o galiñeiro e o curral- onde faltan os referentes elementais -vivir como as aguias-. No caso dos crentes: a oración persoal e familiar, os signos relixiosos domésticos, a práctica relixiosa comunitaria. Inspírome no conto e digo que igual que unha aguia “agaliñada” acaba convencida de que é unha galiña, así tamén a persoa que é crente pero non exerce como tal, acaba perdendo a fe. ¿Qué é o que, mentres tanto, transmitiu na educación familiar? O que viviu: a autofalsificación ou incoherencia, a relixión como mera aparencia, aparencia que se cultiva, por riba, co espectáculo en certas circunstancias.
Educar, logo, comporta transmitir valores. Valor, por definición, é todo aquilo que nós valoramos, aquilo que ten importancia para nós. Non son valores os valores proclamados, porque iso é retórica. Valores son os valores vividos: estes son os que transmitimos.
3. Ser comunicadores
A arañeira espesa dos medios de comunicación necesita un complemento, a comunicación persoal. Esta, a comunicación persoal, é clave para que os nenos (e os adultos, ¿eh?) exerzan un criterio e non se perdan confundidos no fragoso mundo mediático. Nunha familia os pais aportan narración, escoita, xogo, a interacción máis rica. A comunicación é sempre sana. Pero tamén é sanadora. Na vida cotiá hai que falar. Nos conflictos hai que falar. O diálogo (escoitar/falar) é terapéutico.
{Unha pregunta didáctica, que poño aquí porque estamos falando de cómo situarnos fronte os medios de comunicación, anque ten máis que ver cos pais como referente: ¿Qué aprenden os nenos pequenos sabedores de que, ano tras ano, cando eles van durmir, os pais quedan vendo a televisión? ¿Non será ben que revisemos tódolos nosos hábitos de comportamento?}
No ámbito da educación na fe a narración é imprescindible. Cada crente, é, no fondo un oínte da palabra. Aceptar a Cristo e mais adherirse a el é a resposta á historia de Xesús e á historia de amor de Deus comigo e con toda a humanidade. Non hai neno que non abandone o máis entretido programa de televisión se o pai ou a nai lle contan un conto, unha historia. A narración é unha comunicación de sentido circular, non direccional. Non se reduce á liña trazada entre o narrador e o oínte: este escoita, admírase, pregunta, distráese tamén e obriga ó narrador. A comunicación narrativa en vivo é envolvente, crea un clima onde narrador e oíntes comparten a sorte e a aventura dos personaxes, fan seus os seus sentimentos e temen cos seus temores. As narracións bíblicas, e moi especialmente as do Novo Testamento, participan da riqueza e eficacia educativa de tódolos relatos, pero neste caso hai outro narrador, Deus mesmo, que se fai presente na súa palabra e no misterio de amor da igrexa doméstica que é a familia. Aquí, quen conta a historia (pai, nai, avó...) é tamén un oínte que transmite palabras que non lle pertencen, como lles pasaba ós profetas, que lle arden no corazón e no estómago e que as profire por fidelidade e con fidelidade a aquel que as pronunciou antes para el.
4.Ser “aprendices”
Unha sociedade como a nosa, en evolución constante en tantos aspectos, require dos adultos a necesidade de formación permanente. Non só no ámbito profesional, no que as mesmas empresas e institucións nos obrigan a reciclar e renovar, senón en tódalas ordes da cultura e da súa divulgación. Hoxe os pais tamén deben asumir a necesidade de formarse como pais. Os nenos deben captar a nosa actitude de curiosidade e de compromiso co saber, con estar ó día. Temos moitas oportunidades de seguir sendo alumnos. A transmisión da cultura deixou de ser puramente vertical. O intercambio cultural como aprendices é toda unha garantía de estima e de respecto polo feito de estar aprendendo.
[O efecto benéfico do pai/nai estudiante]
Se aplicamos esta actitude á educación relixiosa teremos que facer un lamento e unha apelación á esperanza. O lamento refírese á tremenda ignorancia relixiosa imperante en moitos adultos, tamén nos que pasaron pola universidade e exhiben titulacións de alto postín. O crecemento da fe de moitos pais e nais de agora mesmo deu este salto: desde a catequese infantil e da primeira comuñón saltan por riba das augas confusas da crise de adolescenecia e mocidade á condición de mestres e guías da fe dos fillos. Quedou sen facer un camiño de fe propio de adultos, non existe un diálogo persoal interior entre as referencias culturais do noso tempo e a mensaxe evanxélica. Somos adultos para formar un fogar, para administrar unha empresa, para dirixir e coordinar o traballo dun grupo de persoas, para asumir as obrigas profesionais, pero a nosa relación con Deus móvese en esquemas de explicación e comprensión absolutamente infantís. Este é o lamento.
A apelación á esperanza é que hoxe as parroquias e a diocese ofrecen medios de actualización: cursos bíblicos, cursos de oración, catequeses de adultos, e as escolas de teoloxía, algunha xa de rango universitario, como é o Instituto Compostelán de Ciencias Relixiosas.
Este servicio, destinado a tódolos laicos, obriga especialmente a tódolos militantes e axentes pastorais. Sen unha boa formación teolóxica que facilita a vivencia dunha fe propia de adulto, ¿que tipo de crente, pai de familia responsable, educador, estamos ofrecendo? Os axentes de pastoral familiar son tamén un referente para os novos matrimonios e para as familias do entorno.
¿Qué podemos dicir tamén das Escolas de pais? Ben desde as APAS, das que falaremos axiña, ben desde a pastoral do bautismo, hoxe aparece aí un traballo pastoral que xa ten acreditada a súa decisiva importancia: as escolas de pais.
5. Ser “amantes”
“Amantes” no senso latino da expresión: a persoa que ama. Amar é un complexo activo e reactivo que inclúe a gratuidade da entrega, non esperar compensación. Non é preciso, entre cristiáns lúcidos, citar a E. Fromm para recordar que amar é procurar o ben, o logro e plenitude, da persoa amada. Por iso amar implica, no educador, esixir, corrixir, pero amando e por amor. Sempre, animar, estimular. (Pigmalión: My fair lady).
¿Qué aplicación ten esta actitude no terreo da educación relixiosa familiar?
En primeiro lugar, o do estímulo e a gracia: o sacramento do matrimonio, coma o do bautismo e da confirmación, e todos, son sacramentos para vivir, non daquel momento da celebración e punto. O amor de Deus e de Cristo dáselles ós esposos cristiáns -e incluso afirmo que ós non cristiáns- como fundamento e estímulo do seu propio amor mutuo.
Pero cómpreme dicir aquí tamén que xustamente o amor auténtico na familia será garante da imaxe de Deus que transmitimos. Cando chegan as mentiras dos nenos –que no seu inicio nin sequera son mentiras, senón experimentos e tanteos-, cando na corrección apelamos ó castigo e introducimos os primeiros criterios de moralidade e de culpa, cando nos encontramos xa cos fillos adolescentes perturbados polos cambios vividos no seu corpo, pai e nai encarnan a imaxe paterna e materna de Deus e, aínda non sendo moi ilustrados relixiosamente, a experiencia de Deus é positiva, non deformada nin moito menos grotesca. Hai moito de caricatura de Deus nas ensinanzas acerca de Deus en moitos fogares.
[Homenaxe de recoñecemento a pais, catequistas e mestres, incluso algún cura. ¡Pobres curas!]
· Ser colaboradores da educación escolar
Nestes anos a institución escolar vai coñecer cambios que non se farán sen tanteos, sen experimentos, sen dúbidas. Os pais e nais conscientes sempre acudiron ó centro escolar e sempre procuraron facer o seguimento da aprendizaxe escolar do fillo. Hoxe esta cooperación familia/centro educativo faise especialmente acuciante. Tres pistas indicativas sinalo aquí:
a) Coñecemento mutuo.
Implica o coñecemento do proxecto curricular e ideario do centro, a comunicación fluida co mestre e titor, así como o coñecemento por estes do contexto familiar.
b) Confianza mutua
Recoñecemento dos distintos planos de incidencia e recoñecemento e exquisito coidado nos planos onde as influencias se entrecruzan. Os pais non dirixen os colexios aínda que conten na directiva con persoas entendidas. Os pais dos alumnos confían a educación dos fillos ó centro da súa elección (?), non á directiva da APA. Viceversa no referente á que a dirección do centro ou algún profesor se dediquen a utilizar ou manipular a APA e sangrar a súa tesourería para que financie as súas iniciativas persoais co engado de que son educativas.
c) Cooperación e implicación
Hai que promover e tecer novos dinamismos de participación bidireccional escola-familia. A implicación familiar non se debe reducir á participación mínima establecida na lei coa representación no Consello Escolar. As familias, coordinadas por medio da APA ou por medio doutra instancia asociativa familiar que puidese darse, e mailo centro escolar teñen por diante toda unha acción sociocultural conxunta que mellora, non só a comunicación bidireccional familia--escola, senón que incide positivamente no entorno social do barrio, da vila, da cidade. Os axentes de pastoral familiar teñen aquí, nas Apas e nos Consellos Escolares, todo un panorama de accións no que implicarse, no que alentar a participación, no que converterse tamén en referente.
Na miña opinión, concretando algo, as APAs deberían coidar a formación dos seus socios, que son os pais e non os nenos. As APAS poderían ser as claves para a formación permanente dos pais/nais e a eles dirixir as accións prioritarias, desde a organización de conferencias, ata a oferta de cursos de idiomas, de informática, de seminarios conxuntos pais-profesores, de escolas e servicios de orientación familiar, e incluso de mediación para fogares en conflicto, de actividades deportivas para adultos, de cultura tradicional e folclore, de artesanía, de manualidades e actividades artísticas... Actividades todas elas que co apoio do profesorado e do propio centro escolar, e incluso da administración vía Consellerías de Cultura e de Familia, non son tan inasequibles e estarían creando unha corrente de comunicación recíproca estable entre a familia e a institución escolar.
No ámbito da educación da fe esta participación pasa pola comunidade parroquial (a misa dominical e a catequese son a súa mínima expresión) e por outros grupos e asociacións nos que os nenos se van formando e asumindo o carácter eclesial, comunitario, incluso universal, da propia experiencia de fe, o que reforza a súa identidade persoal.
Educar tamén é evanxelizar
Non descubro nada novidoso para os presentes, se afirmo que evanxelizar é anunciar a boa noticia da salvación: a salvación que Deus nos ofreceu por Xesucristo e que festexamos moi especialmente na pascua. Pero os camiños da evanxelización, como nos ensinou Paulo VI na Evangelii nuntiandi e reiterou Xoán Paulo II na Familiaris Consortio e en tantas outras alocucións, non se dirixen a derramar condenas excluentes sobre as parellas que os crentes consideramos en situacións anómalas, nin a conseguir que se normalicen en conformidade co noso criterio, nin a que as familias acudan á misa dominical e que traian os nenos e mociños á catequese. Isto pode ser a meta, pero non desde logo o empezo. Anunciar a boa noticia da salvación ás familias é axudalas a ver o amor de Deus no seu fogar. Anunciar a boa nova da salvación é axudar os pais a non perder a esperanza e asumir conscientemente o seu deber/dereito de educar. Anunciar a boa noticia da salvación é mostrar unha igrexa local (diocesana, parroquial) que acompaña, acolle, aconsella, ofrece o seu servicio ás familias para que nelas brille, aínda sen darlle nome, o amor entrañable de Deus Pai.
Nunha familia de pais cristiáns educar é facer presente ese amor, e darlle nome asumindo o deber de educar e de coidar e alimentar a fe nos membros da familia, sempre con respecto e suscitando as decisións libres e maduras de cada persoa.
Como axentes de pastoral familiar, evanxelizar é axudar a educar, porque na medida en que os máis novos compartan na familia os valores máis auténticos que favorecen a plenitude do ser humano, o evanxeo explícito do amor de Deus e de Cristo encontra camiños abertos, camiños que non sempre son os previstos por nós e que soamente o mesmo Deus coñece.
Graciñas pola súa atención.
[1] Recomendo para pais de adolescentes ou preadolescentes: El silencio de los adolescentes. Lo que no cuentan a sus padres. J. Elzo. Temas de hoy. Madrid 2000.
[1] Segunda versión da conferencia para os pais do colexio La Grande Obra de Atocha, de Betanzos co título ¿Cómo educar na familia? (Betanzos, 6/06/2002)
Fecha de última
actualización
sábado, 22 de mayo de 2004
ã Delegación de Pastoral Familiar de Santiago de Compostela