Datos Históricos

l.- Precedentes

A Arquidiocese Metropolitana de Santiago de Compostela conta co Seminario Diocesano desde o ano 1829. A existencia dunha Facultade de Teoloxía na Universidade Compostelá, as reticencias do Cabido e das Ordes Relixiosas con profesorado nela, e a resistencia da mesma Universidade a renunciar ó que xa posuía, retrasaron a execución diocesana do mandado do Concilio de Trento. Pero o tesón do Arcebispo Frei Rafael de Vélez, O.F.M. Cap., conseguiu salvar tódalas barreiras e abrir en 1829 por primeira vez unha institución propia da Igrexa na Arquidiocese Compostelá, para o desenvolvemento dos estudios eclesiásticos.

2.- Colación de Grados Académicos

O Cardeal D. Miguel García Cuesta ofreceulle ó Seminario o ano 1867 unha sé digna e definitiva no Mosteiro de S. Martiño Pinario. Seu sucesor, o Cardeal Payá y Rico, deu un paso adiante, acadando o ano 1876 para o Seminario, que pasa a ser Central, a posibilidade de conferir graos superiores, en Teoloxía e en Dereito Canónico, ós alumnos procedentes de tódolos Seminarios da Provincia Eclesiástica Compostelá, que naquel entón comprendía tamén, ademais das Dioceses enclavadas en territorio galego, a de Oviedo. A punto de remata-lo tempo desta concesión, o devandito Cardeal Arcebispo conseguiu da Nunciatura Apostólica a prórroga das mencionadas facultades por outros dez anos.

3.- Universidade Pontificia

Cumprido o decenio da concesión anterior, o Cardeal Arcebispo Xosé María Martín de Herrera y de la Iglesia, conseguiu da Santa Sé o ano 1897 o dereito a erixir en Santiago de Compostela unha Universidade Pontificia dotada de tres Facultades: Sagrada Teoloxía, Filosofía e Dereito de Goberno, constituído polo Director, unha representación dos profesores e un representante dos alumnos. Este comezo foi acollido con gozo polas Dioceses da Provincia Eclesiástica Compostelá, as casas relixiosas masculinas e femininas instaladas en Galicia, e os leigos interesados en adquirir unha formación teolóxica de alto nivel. Nese momento procedeuse a nomear cargos directivos e profesores encargados de Cátedra, e mesmo algúns profesores contratados.

7.- Novas instalacións

Durante o arcebispado de Mons. Suquía iniciáronse obras de remodelación total da Biblioteca, que está agora perfectamente catalogada e aberta ós estudiosos que desexen acudir a ela. En 1984 inaugurou as instalacións o entonces Arcebispo de Santiago Antonio María Rouco Varela. O mesmo Arcebispo acometería as obras da nova sé do Instituto Teolóxico Compostelán, situadas na zona mais nobre do Mosteiro de San Martiño Pinario. O devandito Arcebispo procedería á súa inauguración o ano 1986, en presencia do Nuncio da Súa Santidade en España, Mons. Tagliaferri.

8.- A Visita da Comisión Verificadora

Constituída por decisión da Conferencia Episcopal Española, a Comisión Verificadora visitou o noso Centro os días 2, 3 e 4 de abril de 1992. Estaba formada polo Ilmo. P Dammerz, Abade Primado da Orde Benedictina; o M.I.Sr. D. José Luis González Novalín, Vicerrector da Igrexa Nacional Española de Santiago e Montserrat, en Roma; e o Rvdo. D. Joaquín Martín Abad, Presidente do Secretariado Nacional de Seminarios. A devandita Comisión, revisou dun xeito pormenorizado as instalacións e o funcionamento do Centro e reuniuse, dacordo co seu programa de traballo, co Ilmo. Sr. Director do Instituto Teolóxico Compostelán, coa Xunta de Goberno do mesmo, e cos profesores e alumnos que o pediron.

9.- A Solicitude de Agregación á Universidade Pontificia de Salamanca

Entregouse no Rectorado da Universidade Pontificia de Salamanca o día 15 de outubro de 1992. Asinouna Mons. Antonio María Rouco Varela, Arcebispo de Santiago de Compostela e Presidente da Xunta Patronal do Instituto Teolóxico Compostelán.

10.- Estudio do tema na Conferencia Episcopal Española

A Comisión Permanente da Conferencia Episcopal Española, na súa CLXVI reunión, celebrada nos días 13 a 15 de xuño de 1996, previa solicitude do Arcebispo de Santiago Mons. Xulián Barrio Barrio, e co informe favorable da Subcomisión Episcopal de Universidades (reunida o 28 de maio de 1996), den o plácet para que continuaran os trámites establecidos na normativa en vigor, para a Agregación do Instituto Teolóxico Compostelán á Universidade Pontificia de Salamanca.

11.- Pronunciamiento do Claustro da Universidade Pontificia de Salamanca

En outubro de 1996 o Consello da Facultade de Teoloxía da UPSA, á luz do informe da Conferencia Episcopal Española, den o seu asentimento para que continuaran os trámites que deberán conducir á Agregación.

12. Comisión de seguimento

Constituírona nun primeiro momento, o Excmo. Sr. D. Antonio Cañizares Llovera (Arcebispo de Granada); o Ilmo. Sr. D. Ángel Galindo García, Decano de Teoloxía; o Prof. Dr. Adolfo González Montes, Delegado de Centros; e o Prof. Dr. Xabier Pikaza Ibarrondo e o Prof. Dr. Isaac Vázquez Janeiro, en condición de expertos. Forman parte tamén da Comisión, con voz pero sen voto, os profesores do I.T.C. Dr. D. Luis Quinteiro Fiuza e Dr. D. Segundo Pérez López. Sucesivamente, o Prof. Ramón Trevijano Etchevarría e Mons. Uxío Romero Pose habían de sostituir ó Prof. González Montes e a Mons. Cañizares, respectivamente.

Na reunión celebrada o 2 / VII / 97 valoraron positivamente as instalacións e maila biblioteca, e pediron a plena adaptación do profesorado ás esixencias da Constitución Apostólica "Sapientia Christiana" e o incremento do número de alumnos.
No curso 1999-2000 nomeouse unha nova comisión para dictaminar definitivamente sobre a Agregación do ITC. Dita comisión estivo composta polo Exmo. Sr. D. Francisco José Pérez y Fernández-Golfin, Bispo de Getafe, o Ilmo. D. Xulio Ramos Guerreira (Vicerrector da UPSA), o Ilmo. Sr. D. Anxo Galindo García (Decano da Facultade de Teoloxía da UPSA), o Prof. Dr. Xabier Pikaza como perito; Mons. Luis Quinteiro Fiuza en representación da Xunta Patronal do ITC e o Prof. Dr. D. Segundo Leonardo Pérez López en representación do Claustro do ITC. Estes dous últimos con voz pero sin voto. Esta comisión deu o seu veredicto afirmativo á nosa Agregación, tal como se pedía, o 31 de Maio de 2000.